O BNG de Vigo urxe un plan para controlar os pisos turísticos e frear o impacto que ten a crise da vivenda

A fronte nacionalista levará á Xerencia de Urbanismo unha iniciativa para intensificar as inspeccións e comprobar a legalidade, as condicións de habitabilidade, accesibilidade e seguridade das VUT
Imaxe dunha vivenda turística
15 Jul 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo anunciou este mércores que defenderá no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo a posta en marcha dun Plan de Control e Inspección das Vivendas de Uso Turístico (VUT) en Vigo, co obxectivo de reforzar e intensificar a supervisión municipal sobre este tipo de aloxamentos e combater o seu impacto na emerxencia habitacional que atravesa a cidade.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que a proliferación dos pisos turísticos constitúe "un fenómeno ultraespeculativo" que está a reducir a oferta de alugueiro residencial e a contribuír á escalada dos prezos da vivenda.

"O Goberno de Abel Caballero leva anos mirando para outro lado, permitindo un avance descontrolado dos pisos turísticos que só beneficia os intereses de rendistas e, sobre todo, de grandes grupos inmobiliarios", criticou.

Igrexas explicou que , malia un lixeiro descenso formal no número de VUT debido en parte á conversión dalgunhas delas en alugueiros de tempada e á existencia de vivendas que operan sen rexistro, na cidade existen na actualidade arredor de 2.200 pisos turísticos fronte a apenas 281 vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial. “Arestora ane Vigo hai case 8 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial”, alertou.

Segundo salientou, este "boom especulativo" provocou que as pernoctacións en pisos turísticos se triplicasen nos últimos seis anos e está detrás dunha parte importante da tensión que sofre o mercado da vivenda cun “aumento insoportábel” dos alugueiros.

A este respecto, o portavoz nacionalista lembrou que, segundo os datos oficiais do Observatorio da Vivenda de Galiza, o prezo medio do alugueiro en Vigo aumentou case un 9 % no que vai de ano, até atinxir os 723 euros mensuais, mentres que o 52,7 % das vivendas ofertadas en Vigo superan xa os 1.000 euros ao mes.

A iniciativa que o BNG trasladará á Xerencia de Urbanismo propón despregar de maneira inmediata un plan intensivo de inspeccións para verificar que todas as vivendas de uso turístico cumpran a normativa vixente no relativo ás condicións de habitabilidade, accesibilidade e seguridade, tendo en conta ademais a recente modificación da Lei de Propiedade Horizontal que permite ás comunidades de propietarios e propietarias prohibir a súa actividade. “Temos que poñer fin á barra libre especulativa dos pisos turísticos para que o negocio duns poucos non siga negando o dereito á vivenda da maioría social”, defendeu o portavoz municipal nacionalista.

Para Igrexas, a ordenanza municipal impulsada polo Goberno local "demostrou ser un bluff" e evidenciou "a total falta de vontade política para actuar fronte ao avance dos pisos turísticos". Neste sentido, defendeu que o Concello debe asumir un papel moito máis activo na supervisión destas actividades, xa que "está acreditado que o rexistro da Xunta de Galiza é un absoluto coadoiro sen filtros, no que se dan de alta vivendas de uso turístico sen que estas acrediten operar legalmente".

"O Concello ten que exercer as súas competencias urbanísticase realizar un control efectivo. Non podemos permitir que a falta de fiscalización continúe alimentando un modelo especulativo que expulsa veciñanza dos seus barrios e dificulta cada vez máis o acceso á vivenda", concluíu Igrexas.

0.26395916938782