O BNG demanda en Europa revisar a seguridade ferroviaria, "13 anos despois de Angrois"

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia fallos estruturais na rede ferroviaria do Estado español e dos seus sistemas de seguridade e control, motivo polo que esixe á Comisión Europa unha revisión completa que permita levar a cabo as investigacións independentes dos accidentes de Adamuz e o máis recente de Urda, en Toledo.
Ana Miranda lembra como o PP de Alberto Núñez Feijóo mantén unha actitude hipócrita demandando agora comisións de investigación sobre Urda cando o seu goberno en Galiza bloqueounas en Galiza no accidente de Angrois e tampouco quixo reunirse coas vítimas. “O señor Feijóo vén agora de salvador cando fixeron todo o posible para culpar ao maquinista e non ir ás causas profundas do accidente”, critica a eurodeputada do BNG, “chegando a incumprir mesmo as esixencias da Axencia Ferroviaria Europea”.
A representante do Bloque vén de enviar dúas cartas oficiais ao Comisario europeo de Transportes, Apostolos Tzitzikostas, cuestionando as medidas executadas e postas en marcha no Estado para garantir os máximos estándares de seguridade ferroviaria e o cumprimento das normativas europeas. Ana Miranda solicitou unha reunión co Comisario Tzitzikostas diante do tráxico accidente.
O obxectivo é coñecer se o Estado cumpriu co Plan de Acción, comprometido coa Comisión Europea logo do accidente de Angrois e que “levou a un procedemento de infracción aberto polas deficiencias e incumprimentos na seguridade ferroviaria”, afirma Ana Miranda. “É evidente que, despois do accidente de Adamuz e agora co de Urda, os avances non foron significativos e existen defectos graves na sistemas de seguridade ferroviaria”.
Despois de que o BNG presentara no 2017 a denuncia contra o Estado acompañando ás vítimas do accidente de tren de Angrois, a Comisión Europea abrira no 2019 un procedemento de infracción contra o Estado español, que obrigou a realizar un Plan de acción de seguridade ferroviaria para corrixir as deficiencias sistémicas de seguridade ferroviaria.
Ana Miranda pregunta á Comisión Europea se estuda un novo “procedemento de infracción contra o Estado español”. E demanda a Bruxelas e á Axencia Ferroviaria Europea (ERA), as auditorías sobre o sistema ferroviario español do 2024 e 2025, xa que na última resposta recibida polo BNG no Parlamento Europeo fálase da auditoría de 2023. “Fixo a Comisión Europea auditorías no 2024 e 2025 que amosasen fallas de seguridade no sistema ferroviario español”, pregúntase Ana Miranda, “porque de ser asi, hai responsabilidades técnicas e políticas, tamén en Europa”.
No 2024, a Comisión Europea arquivou o procedemento de infracción contra España afirmando que xa se abordaran as deficiencias sistémicas atopadas logo do accidente de Angrois. Ana Miranda lamenta que agora “con dous accidentes mortais en menos dun ano é evidente que existen deficiencias sistémicas de control de riscos e erros estruturais no funcionamento do sistema ferroviario da alta velocidade”.
O ERTMS no Estado español e Europa
A Resolución do Parlamento Europeo do 7 de xullo do 2021 sobre a avaliación da situación actual da implementación do ERTMS (sistema de navegación e control ferroviario), sinala que manter activos simultaneamente os sistemas de sinalización, como o ASFA e o LZB no caso español e en funcionamento no tramo de Urda, xunto ao ERTMS incrementa innecesariamente os custos e introduce problemas de seguridade ferroviaria.
“O Estado español é o único país da UE onde, se o sistema de control da alta velocidade se cae, un tren pode comezar de novo a marcha só con supervisión humana e baixo o sistema ASFA, que é só un sistema de apoio, chegando os trens a 200 quilómetros por hora. Logo do accidente de Angrois, Europa xa criticou esta dependencia do factor humano, que non era admisible na alta velocidade”, denuncia Ana Miranda.
O Regulamento da Comisión Europea do 2017 sobre o despregue do Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario establece 2030 como data límite para a implantación do ERTMS nas corredores ferroviarios principais, como sería a liña de alta velocidade Madrid-Sevilla. Porén, o Goberno español no seu Plan de Recuperación para obter os fondos europeos Next Generation comprometeuse con Bruxelas “á implementación do investimento” para a instalación do ERTMS nese tramo da liña “a máis tardar o 30 de xuño do 2026”.
“A transparencia e os controis de seguridade deben ser máximos cando falamos da alta velocidade ferroviaria, porque en xaneiro produciuse o tráxico accidente de Adamuz no que faleceron 46 persoas e houbo 292 persoas feridas”, explica Ana Miranda, “por iso dirixímonos á Comisión Europea para saber se coñecía os atrasos na implementación do ERTMS na liña do accidente de Urda e cales serían as responsabilidades do Estado”.