O BNG denuncia esperas de ata dous meses para primaria e os hospitais desbordados nun “verán negro”

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, denuncia que a sanidade pública galega está a vivir “un verán negro” con ata dous meses de espera para unha cita en atención primaria e hospitais desbordados nos que, nalgún caso, as e os propios profesionais advirten dun risco real de colapso por falta de persoal.
Prado remarca que a desatención sanitaria continúa en aumento, con protestas por todo o País. “Son reiteradas as testemuñas, denuncias, informes e mobilizacións veciñais que confirman esta realidade por toda Galiza”, subliña para exemplificar a continuación a situación de deterioro na que se atopa a sanidade pública.
Exemplos como o de Viveiro, onde unha veciña pediu cita en xullo e déronlla para setembro, dous meses máis tarde, nun centro de saúde no que actualmente dispón só seis médicos e médicas, cando debería ter 11.
Unha falta de profesionais que tamén se rexistra en Salvaterra -cun só facultativo dos cinco que debería haber e con algúns días mesmo sen ningún-, Pontesampaio -que agora mesmo non ten ningún- ou no Grove, concello cuxa poboación pasa na época estival dos 10.000 ás 40.000 ou 50.000 persoas e que dispón de dous médicos menos do habitual.
A portavoz nacionalista de Sanidade advertiu tamén que Ponteareas permanece sen asistencia na unidade de saúde mental ou que no Salnés, a ambulancia medicalizada que debería salvar vidas volveu chegar onte mesmo tarde a un infarto en Ponte Arnelas, concretamente 20 minutos por ter a súa base en Sanxenxo na vez de no hospital do Salnés.
Nos centros hospitalarios a situación “é igual de preocupante”, afonda Prado, quen advirte que no CHUAC da Coruña hai catro corredores habilitados para atender doentes porque “as urxencias desbordaron”, até tal punto que o seu propio coordinador recoñeceu “risco real de colapso por falta de persoal”, nun hospital que, ademais, ten “máis de 130 camas pechadas”.
O CHUS de Santiago leva meses con doentes nos corredores, no Álvaro Cunqueiro de Vigo estanse cancelando operacións cirúrxicas habitualmente -até 12 nun só día- por falta de enfermeiras, camas e camas de animación, estas últimas “ocupadas por doentes que tiñan que estar en planta. “Máis de 700 urxencias nun día, case 200 camas pechada”, subliñou a deputada do BNG, quen denunciou que o Montecelo de Pontevedra tamén está desbordado.
A isto sumou a situación que padece Verín, onde xa dimitiu o xefe de medicina interna e mañá sábado “a comarca enteira sairá á rúa para berrar ‘Verín non se pecha’”. Mobilización, afondou, que se suman ás rexistradas por todo o País, como en Moaña, Cangas, Ribeira, A Pobra, Aguiño, O Vicedo, Salvaterra ou Catoira, enumerou.
“E mentres todo isto ocorre, o conselleiro de Sanidade pasea por Galiza vendendo normalidade, fume a través do chat, dicindo que a atención está garantida, que as camas seguen aí e que é culpa do aumento da demanda”, criticou ao titular do departamento autonómico, Antonio Gómez Caamaño.
“Fume e máis fume mentres a xente espera, mentres as vidas están en risco, mentres Galiza enteira repite o mesmo: non hai persoal, camas pechadas, urxencias colapsadas e esperas que se multiplican”, recalcou.
Neste contexto, Prado considerou inaceptable que o Goberno de Alfonso Rueda normalice que “a sanidade pública se desangre”. “Desde o BNG non imos aceptar que unha persoa teña que esperar dous meses para ver ao seu médico, nin imos calar mentres haxa camas pechadas ou as ambulancias non cheguen e haxa vidas en perigo”, subliñou.
Por iso, incidiu en que o Bloque esixe responsabilidades no Parlamento galego e reclama ao Executivo do PP a presentación inmediata dun Plan de Recursos Humanos no Sergas e que remate coa súa “política de precariedade e explotación nas condicións laborais”.
Así mesmo, defende a posta en marcha dun Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais -con ofertas atractivas e competitivas, tanto no ámbito económico como nas condicións laborais- e propón contemplar nos Orzamentos de 2027 partidas específicas “para atender estas demandas”.