O BNG denuncia o retraso no Programa de Respiro Familiar

A portavoz de Política Social do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denuncia o retraso na convocatoria este ano do Programa de Respiro Familiar, dirixido a persoas coidadoras habituais non profesionais que atenden de forma continuada a unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade. “Moitas familias se están poñendo en contacto co BNG para amosar a súa preocupación, porque sen axudas da Xunta élles moi difícil poder contratar un servizo de atención domiciliaria, unha praza nun centro de día ou nun centro de discapacidade”, subliña.
Facéndose eco desta preocupación, o BNG reclámalle ao PP na Xunta que convoque de maneira inmediata e coa dotación orzamentaria suficiente a orde de axudas deste programa que, en anos anteriores, publicábase en abril ou maio e permanecía aberta até outubro.
Tal e como explica Rodil, trátase dun programa “moi necesario para coidar de quen coida”, permitíndolle ás persoas beneficiarias ter uns días de respiro coa garantía de que as persoas dependentes ou con discapacidade están ben atendidas”. O programa inclúe axudas de até un máximo de mil euros para que as familias poidan contratar un servizo de atención domiciliaria ou unha praza en centro de día, ou de até 1.500 euros no caso de optar por unha residencia.
A deputada do BNG destaca que, segundo os propios datos da Xunta, as persoas coidadoras son na súa inmensa maioría mulleres que atenden durante as vinte e catro horas do día, e durante os sete días da semana, a persoas con máis dun 75 % de discapacidade recoñecida, persoas con graos II ou III de dependencia ou que precisan de terceiros para desenvolver as súas tarefas da vida diaria.
Ademais da convocatoria inmediata das axudas, a tamén viceportavoz do BNG no Parlamento esixe unha dotación económica maior, posto que o orzamento asignado pola Consellería de Política Social apenas supera o millón de euros, “unha contía que queda moi pequena para atender todas as solicitudes que se presentan”.
Mostra disto é, afonda Rodil, que “en anos anteriores, a Xunta deu por concluídas as axudas por esgotamento do crédito, sen rematar sequera o prazo de presentación de solicitudes”. “O déficit de axudas ou de prazas ás que levar ás persoas dependentes ou con discapacidade está deixando a miles de galegas e galegos fóra, excluídas deste servicio tan necesario para garantir unhas condicións de vida dignas tanto para as persoas dependentes e con discapacidade como para as súas coidadoras habituais”, critica.
Neste sentido, lembra que o Observatorio de Dinamización Demográfica, no seu último informe sobre lonxevidade e envellecemento, xa advirte da carencia de programas de respiro para persoas coidadoras, cifrando entre o 80 e o 90 % da poboación que o precisa e non dispón del.
Así mesmo, engade, entidades sociais como ASPANEMI da comarca de Ferrolterra veñen denunciando a imposibilidade de atopar prazas en residencias e centros de día dirixidas a persoas con discapacidade en Galiza para poder contratar estes respiros, “véndose obrigadas a acudir a centros de fóra do País con custes dificilmente asumibles para as familias traballadoras galegas”.