O BNG denuncia que a Xunta deixou sen executar 750 millóns e “escatima” nas axudas pola crise

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, denunciou a “mala xestión” dos recursos públicos por parte do Goberno galego, ao que acusa de deixar sen executar até 750 millóns de euros no exercicio de 2025.
Segundo indicou, trátase de fondos que, malia estar orzamentados, non se destinaron a políticas públicas nun contexto marcado pola crise de prezos. “O PP deixou de gastar millóns e millóns de euros pero agora escatima nas axudas para facer fronte á situación agravada pola guerra”, criticou.
Presas puxo o foco en áreas “especialmente sensibles”, como Política Social, onde quedaron sen executar 112 millóns de euros, afectando a servizos como a atención á dependencia ou a axuda no fogar. Tamén sinalou que, en plena crise habitacional, a Xunta deixou sen gastar 30 millóns no programa de acceso á vivenda, practicamente a metade do previsto.
No ámbito do Medio Rural, a deputada cualificou de “escandaloso” que non se executasen 82 millóns de euros no que describiu como o peor ano de incendios das últimas décadas. Ademais, advertiu de que nas políticas contra a violencia machista quedaron sen materializar 7 millóns de euros.
A análise do BNG tamén destaca outros departamentos con baixos niveis de execución, como Comercio, Emprego e Emigración, que deixou sen gastar 222 millóns de euros, con programas que non acadaron nin o 50 % de execución, incluídos os relacionados coa formación profesional ou a solidariedade.
Neste contexto, o Bloque anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento para reclamar “explicacións, transparencia e medidas” ao Executivo galego, ao tempo que advertiu de que estas “eivas” xa foron sinaladas en anos anteriores polo Consello de Contas.
Presas criticou ademais o uso das modificacións orzamentarias, sinalando que en ocasións se incrementan partidas que posteriormente non se executan ou mesmo se recortan programas previamente anunciados, o que cualificou como unha “trampa á cidadanía”.
Finalmente, o BNG propón cambios normativos para mellorar a planificación orzamentaria, entre eles a obriga de render contas no Parlamento cando unha partida non acade o 75 % de execución ou unha maior transparencia no uso dos fondos públicos.