O BNG elixe a Luís Seara como candidato á alcaldía de Ourense para 2027

O actual portavoz municipal será o cabeza de lista tras o apoio unánime da asemblea local e o BNG fixa como obxectivo “acadar a alcaldía e gobernar a cidade”
luis-seara-bng-ourense
23 Jun 2026

Xosé Luís Seara Fernández será o candidato do Bloque Nacionalista Galego á Alcaldía do Ourense nas eleccións municipais previstas para o 23 de maio de 2027, despois de que a militancia respaldase por aclamación a súa proposta na asemblea local celebrada este luns.

O actual concelleiro-portavoz nacionalista, nado en Ourense en 1964 e diplomado en maxisterio, obtivo o apoio unánime da organización tras o proceso interno aberto hai unhas semanas para escoller candidatura, co obxectivo de encabezar unha lista “coas máximas aspiracións”.

Desde o BNG destacan a traxectoria de Seara como un dos principais avales da súa candidatura. O actual portavoz municipal presentouse por primeira vez ás eleccións locais en 2019, despois de que o BNG quedase fóra da Corporación en 2015. Naquel proceso, a formación conseguiu dúas actas: a súa e a de Rhut Reza.

Nas eleccións de 2023, o resultado mellorou e o apoio electoral duplicouse respecto ao anterior, incorporándose ao grupo municipal Xosé Manuel Puga e Erea Blanco, ademais de Seara e Rhut Reza. Nesa cita electoral, o BNG quedou a menos de 200 votos de acadar unha quinta acta.

De cara aos comicios de 2027, a formación nacionalista aspira non só a aumentar o número de concelleiros e concelleiras e os votos, senón tamén a “acadar a Alcaldía e gobernar a cidade de Ourense”.

A militancia tamén puxo en valor a experiencia política do candidato, o seu coñecemento do funcionamento do Concello, a proximidade coa veciñanza e o seu labor cualificado como rigoroso e serio, ademais da defensa dos intereses xerais e dos principios da organización.

O propio Seara asegurou sentirse “moi feliz e orgulloso de contar co respaldo e co apoio das compañeiras e compañeiros para liderar de novo unha candidatura, na que xa me acompañan 13 persoas que xa adianto, van dar moito que falar pola súa solvencia, polos seus perfís e porque son persoas plenamente comprometidas e coa clara vocación de gobernar o Concello de Ourense e facer que as cousas cambien, xa que é preciso mudar o rumbo, mudar as formas e recuperar o orgullo e a dignidade da institución”.

Tamén afirmou sentirse ilusionado e con forza “para encabezar un proxecto que estou seguro é o que Ourense precisa. Quero ser Alcalde pois cómpre cambiar para avanzar e no BNG estamos en disposición de encabezar e dirixir dito cambio”.

0.26408100128174