O BNG exixe a Rueda explicacións sobre a orixe do incendio de Oimbra

Pregúntalle se vai limpar as faixas de seguridade dos concellos de menos de 10.000 habitantes en tempo e forma ou se vai ser outra das súas mentiras
Ana Ponton
4 May 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, exixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que compareza no Parlamento galego para explicar o “desbroce en plena tempada de risco” que orixinou o pasado verán en Oímbra o segundo incendio máis grande da historia de Galiza.

Pontón recordou que estes labores de desbroce realizáronse ademais nunha xornada na que non estaban permitidos, segundo a información publicada por un diario, que tamén revela que a roza foi realizada por encargo da Xunta e do concello. Desbroce “onde a neglixencia e a descoordinación acabou provocando o segundo lume máis grande da nosa historia, tres brigadistas feridos e unha catástrofe ambiental e social”, recriminou.

“A sociedade galega merece unha explicación e a asunción de responsabilidades políticas, por iso exiximos a Rueda que compareza no Parlamento para dar explicacións sobre que fallou, sobre como é posible que a Xunta non parara uns labores que ela mesma contratou”, incidiu en rolda de prensa, para emprazar ao titular do Executivo a dar explicacións en sede parlamentaria sobre o que considerou unha “neglixencia política” e unha “temeridade” que puxo en risco o territorio e a vida das persoas.

A líder nacionalista pediu a Rueda que na súa comparecencia tamén aclare se vai cumprir a promesa que realizou na Cámara de executar a limpeza das faixas de seguridade nos concellos de menos de 10.000 habitantes ou se se trata dun anuncio ou unha mentira máis.

“O prazo para executar a limpeza nas franxas de protección nestes concellos acaba o 31 de maio e queremos saber se esas faixas van estar listas en tempo e forma como se comprometeu ou se simplemente estamos ante un anuncio e ante unha mentira do presidente da Xunta”, cuestionou logo de recordar que son 257 municipios, a maioría no rural, os que precisan “unha medida clave” na seguridade das persoas e das vivendas ante uns lumes “cada vez máis perigosos e destrutivos que chegan cada vez máis ás casas”, remarcou.

A portavoz nacional considerou “moi relevante” a resposta de Rueda a esta pregunta, dado que “facer os desbroces nas franxas de protección en tempo e forma” constitúe a diferenza “entre un territorio seguro ou un territorio asolado por un incendio que queima 23.000 hectáreas e que pon en risco a vida das persoas”, en referencia ao grave lume de Oímbra.

Pontón recalcou que, pese a estar diante da vaga de lumes máis grande da historia do País con 120.000 hectáreas queimadas recoñecidas pola Xunta -se ben o programa Copernicus eleva esta cifra por riba das 170.000 hectáreas-, o Executivo do PP non estivo á altura “nin antes, nin durante” e só asumiu dous únicos compromisos.

O primeiro, que habería axudas e que se abonarían antes de finalizar o 2025 e, o segundo, que acometería a limpeza da xestión das franxas de seguridade en todos os concellos de menos de 10.000 habitantes, sen que até o momento concretase datos sobre o estado destes traballos, cando o prazo para a súa execución remata o día 31 deste mes.

“A situación que temos a día de hoxe, nove meses despois dos maiores incendios que sufriu Galiza na súa historia, é que o Goberno de Rueda só pagou o 15% das axudas solicitadas por explotacións agrícolas e só restaurou 6.000 das 120.000 hectáreas queimadas”, sintetizou a modo de balance sobre a xestión duns lumes que, recordou, levaron por diante montes, pastos, viñas, explotacións agrogandeiras, infraestruturas públicas, industrias, vivendas e mesmo aldeas enteiras como San Vicente de Leira.

Aos inmensos danos directos dos lumes, sumou os problemas derivados das choivas nas zonas queimadas, que arrastran as cinzas dos montes até chegar aos cursos de auga provocando a contaminación das augas de abastecemento domiciliario, algo que puido comprobar de primeira man na súa recente visita á comarca de Valdeorras, unha das máis afectadas polos incendios do pasado verán.

“Arde sobre queimado e por iso o mínimo é reclamarlle ao presidente da Xunta que cumpra co prometido, axilice as axudas ás persoas afectadas e poña en marcha un plan de recuperación do territorio queimado”, remarcou, para incidir na necesidade de cambiar as políticas que levaron até aquí ao País.

Cambios como os que está propoñendo o Bloque e que recolleu logo da vaga de lumes no seu Plan Da Cinza á Vida, no que aposta por “un cambio radical” do modelo forestal para que os montes galegos deixen de ser un polvorín, con medidas concretas como unha moratoria indefinida e real na plantación de eucalipto.

A líder do BNG tamén defendeu un novo modelo forestal baseado nun monte multifuncional e produtivo, concibido en mosaico e onde se aposte por especies autóctonas e máis resistentes aos lumes “para protexer o territorio e as persoas”.

Ademais dun plan de recuperación do territorio queimado, tamén avogou por último por unha maior profesionalización e eficacia do dispositivo de loita contra os incendios, incluíndo a contratación de persoal todo o ano e a configuración dun mando único e coa formación necesaria fronte a unha nova tipoloxía de incendios “máis voraces e moito máis perigosos”.

“Desde o BNG temos claro que é posible un cambio de rumbo para facerlle fronte ao grave problema dos incendios forestais, pero iso pasa por un cambio de modelo, cun rural vivo e por un territorio que non esta convertido nun gran eucaliptal”, afondou para subliñar que todo isto é posible “se hai vontade política para facelo”. “Nós imos seguir traballando nesta liña porque sabemos que este é un problema de País que require solucións e cambios estruturais”, concluíu.

0.38319110870361