O BNG leva a Patrimonio a oficina do Barrio do Cura e esixe transparencia sobre o contrato con Povisa

Os nacionalistas denuncian a instalación dunha oficina comercial no Paseo de Afonso XII e o tratamento dos elementos da balaustrada histórica, mentres cuestionan o aumento dos fondos públicos destinados ao hospital privado
balaustrada-forrada-afondo-vigo
1 Oct 2026

O BNG de Vigo denunciou ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a instalación dunha oficina comercial da promotora do Barrio do Cura no Paseo de Afonso XII, ao tempo que reclamou ao Goberno de Alfonso Rueda que faga público o contrato do Sergas con Ribera Povisa. A fronte nacionalista sitúa como unha das súas principais preocupacións a protección do patrimonio histórico de Vigo e reclama a intervención das administracións ante o que considera unha utilización indebida dun espazo público protexido.

A formación nacionalista critica o silencio do Goberno de Abel Caballero despois de que o pasado venres solicitase información sobre se contaba cos permisos preceptivos o módulo prefabricado instalado neste espazo para comercializar as vivendas do Barrio do Cura. O Paseo de Afonso XII está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

O BNG asegura que este xoves tivo coñecemento de que a promotora Gestilar, responsable da urbanización, forrou con plástico os querubíns que ornamentan a balaustrada histórica do paseo. Para o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, esta actuación evidencia que se está «avanzando na vandalización deste ámbito de enorme valor patrimonial coa total complicidade de Caballero».

Igrexas sinalou que o Goberno local aínda non ofreceu unha resposta oficial nin aclarou se a instalación conta cos permisos correspondentes. Por este motivo, o BNG presentou escritos de denuncia ante o Concello de Vigo e ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para reclamar que se adopten medidas e se «imida este abuso».

O portavoz nacionalista advertiu de que «non podemos permitir que unha promotora inmobiliaria converta no seu couto privado un espazo protexido nin poña en risco elementos patrimoniais». Neste sentido, lembrou que Gestilar conta tamén cunha oficina comercial a escasos metros, no edificio do antigo Asefal.

O BNG cuestiona así que o Goberno municipal permita, segundo a súa interpretación, a utilización dun espazo público para actividades comerciais vinculadas a unha promoción inmobiliaria. «Non todo vale», afirmou Igrexas, quen lembrou que o Paseo de Afonso XII é un espazo público.

A formación nacionalista vinculou ademais esta situación co problema do acceso á vivenda en Vigo e criticou que o Goberno municipal facilite a promoción de vivendas de prezos elevados mentres, segundo denunciou, non ofrece unha resposta suficiente á emerxencia habitacional. «É indecente que mentres o Goberno municipal fica de brazos caídos diante da grave emerxencia habitacional que impide o acceso á vivenda á maioría social, poña alfombra vermella ao vello modelo especulativo de urbanismo para as grandes rendas», afirmou Igrexas.

O BNG reclama tamén o contrato de Povisa

A segunda cuestión abordada polo BNG está relacionada co financiamento público do hospital Ribera Povisa. A deputada nacionalista Montse Prado reclamou este xoves na Comisión 5ª do Parlamento galego que a Xunta facilite toda a información sobre o actual contrato co centro privado, que vence en abril de 2027.

O BNG denuncia que a Xunta de Galicia aumentou desde 2019 nun 20% os fondos públicos destinados a Povisa, mentres o hospital declarou, segundo a formación, beneficios de 7,4 millóns de euros o pasado ano, un 1.200% máis que no exercicio anterior, nun contexto no que se produciu unha redución de 30.000 pacientes adscritos ao centro.

Prado cuestionou a falta de información sobre o contrato e sobre as negociacións para un novo acordo coa empresa, propiedade da multinacional francesa Vivalto Santé. «Se non hai nada que agochar, por que o PP se nega sistematicamente a que se coñeza onde van parar máis de 100 millóns de euros anuais das galegas e galegos?», preguntou.

A deputada reclamou unha auditoría externa e independente e que o Consello de Contas fiscalice de oficio o destino dos fondos públicos destinados ao centro privado, que, segundo o BNG, representan máis do 80% das súas contas de explotación.

A formación nacionalista tamén cuestionou a situación asistencial de Povisa e denunciou a existencia de listas de espera, ratios de persoal inferiores ás da rede pública e problemas de rotación e precariedade laboral. Prado sinalou ademais a falta de profesionais en determinadas especialidades e reclamou información sobre o dispositivo previsto para atender as case 8.000 persoas que, segundo o BNG, solicitaron este ano o traslado de Povisa ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

O BNG pediu tamén transparencia sobre outros pagos incluídos no contrato vinculados á redución das listas de espera e reclamou a apertura dunha mesa de negociación coa representación sindical.

Como solución de fondo, a formación nacionalista reiterou a súa proposta de estudar a integración de Povisa na rede pública. Mentres tanto, esixe «luz e taquígrafos» sobre a prestación sanitaria no centro antes de que se asine un novo contrato. «É evidente que os cartos públicos non están indo para unha mellor calidade asistencial», concluíu Prado.

0.39625096321106