O BNG levará ao Congreso o estudo de viabilidade da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago

O BNG trasladará ao Congreso dos Deputados o estado de tramitación do estudo de viabilidade para conectar Lugo e Santiago de Compostela por ferrocarril. A iniciativa busca coñecer os avances realizados polo Goberno do Estado "dous anos despois do anuncio por parte do ministro", segundo explicou o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo.
Arroxo considera necesario que o Executivo central achegue información concreta sobre os traballos desenvolvidos, o calendario previsto e as conclusións do estudo que deberá determinar as posibilidades dunha futura conexión ferroviaria entre ambas as cidades. "A veciñanza de Lugo ten que saber que alternativas manexará o Goberno e coñecer as conclusións deste estudo", sinalou.
O portavoz nacionalista lembrou tamén que, de acordo co contrato realizado polo Goberno, "nas vindeiras semanas o Ministerio de Transportes debería ter o documento elaborado pola empresa concesionaria".
Para o BNG, unha conexión ferroviaria directa entre Lugo e Santiago permitiría mellorar as comunicacións da cidade e da provincia coa capital de Galicia, facilitando os desprazamentos por motivos laborais, educativos, administrativos e culturais. Ao mesmo tempo, considera que esta infraestrutura contribuiría a vertebrar o territorio e ofrecería unha alternativa máis sostible fronte ao uso do vehículo privado.
A formación nacionalista considera que a elaboración do estudo de viabilidade supón "un paso adiante", ao permitir analizar as distintas alternativas técnicas e económicas para avaliar a posible posta en marcha da infraestrutura. Porén, Arroxo advirte de que este documento debe ser "o punto de partida dunha planificación máis ampla que permita que Lugo se conecte realmente á rede ferroviaria".
Neste sentido, o BNG reclama que a mellora das comunicacións por tren non se centre unicamente na eventual conexión con Santiago de Compostela. A formación considera prioritario actuar tamén sobre as liñas existentes, con medidas como o incremento das frecuencias, a redución dos tempos de viaxe e a renovación das infraestruturas "para que Lugo conte cun servizo ferroviario competitivo, fiábel e adaptado ás necesidades da veciñanza", defendeu Arroxo.
O BNG xa reivindicou anteriormente a necesidade de aplicar unha política ferroviaria integral para Lugo que permita superar o actual déficit de comunicacións e mellorar a conexión da provincia co resto de Galicia.