O BNG propón recuperar o patrimonio industrial abandonado de Vigo para destinalo a usos públicos

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón recuperar o patrimonio industrial abandonado de Vigo para destinalo a usos públicos. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas para demandar da Xunta de Galiza medidas de protección, conservación e posta en valor de antigas edificacións industriais que hoxe se encontran en estado de abandono ou baixo ameaza de demolición.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, alertou de que a falta de plans de rehabilitación e a lentitude de figuras de protección autonómica “poñen en risco un legado irrecuperábel” da cidade. “Vigo é unha cidade orgullosamente industrial, que conta cunha herdanza material e inmaterial de elevado valor que debemos recuperar para as viguesas e vigueses”, subliñou.
González defendeu que este proceso de recuperación foi iniciado xa en numerosas cidades europeas, que apostaron por transformar inmóbeis monumentais en espazos multiusos ou centros expositivos cun importante atractivo cultural e turístico. Nese sentido, asegurou que a recuperación do patrimonio industrial representa unha ferramenta de desenvolvemento urbano sustentábel e non só unha cuestión estética ou nostálxica.
Como primeiro paso, o Bloque demandou ao Goberno de Alfonso Rueda que elabore un Plan Integral de Protección, Conservación e Valorización do Patrimonio Industrial de Vigo, en coordinación co Concello, a Universidade, as entidades culturais e colectivos veciñais. Unha medida que, a xuízo da deputada nacionalista, reforzaría a actual lexislación galega para evitar que continúen a desaparecer edificios históricos como ocorreu, entre outros, coa recente demolición da antiga fábrica de conservas Sacco en Beiramar.
Declaración BIC
As iniciativas da fronte nacionalista recollen tamén a proposta da plataforma Beiramar da Xente —presentada en xullo de 2025 ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e sen resposta até a data — para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o conxunto formado pola fábrica de conservas Alfageme de Bouzas, o complexo fabril da Artística e o polígono industrial de Beiramar-Jacinto Benavente.
“Cómpre actuar con axilidade para impedir que o vizoso patrimonio industrial de Vigo siga desaparecendo, perdendo así para sempre a nosa memoria colectiva, a nosa identidade obreira e as claves para entender a evolución económica e social da nosa cidade”, reclamou a deputada do Bloque.