O BNG propón un Comité de Emerxencia Social para coordinar a atención ás persoas máis vulnerables en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo reclamou ao Concello e á Xunta de Galicia unha resposta coordinada para facer fronte á situación de vulnerabilidade social que, segundo asegura, afecta a milleiros de persoas na cidade. A formación propón a creación dun Comité de Emerxencia Social co obxectivo de coordinar actuacións entre administracións e mellorar a atención ás persoas en risco de pobreza e exclusión.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que ambas institucións continúen intercambiando responsabilidades mentres, ao seu xuízo, se agravan os problemas sociais. O nacionalista defendeu que as persoas en situación de vulnerabilidade precisan respostas eficaces e non obstáculos administrativos nin confrontación política.
O BNG sostén que os datos oficiais reflicten unha realidade preocupante, con máis de 60.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social na cidade, ademais de centos de persoas sen fogar ou dependentes de entidades asistenciais para cubrir necesidades básicas. Igrexas puxo tamén como exemplo a situación dunha veciña de 69 anos que, segundo explicou, non pode acceder ao albergue municipal pola súa idade sen que exista unha alternativa habitacional por parte das administracións.
A proposta nacionalista contempla a creación dun comité estruturado en tres mesas permanentes: unha institucional, integrada polo Concello e a Xunta; outra técnica, encargada de deseñar e aplicar medidas; e unha terceira de carácter social, coa participación de organizacións e entidades que traballan directamente cos colectivos máis vulnerables.
Segundo o BNG, este órgano debería elaborar un Plan de Acción Urxente con actuacións concretas e prazos definidos para reforzar os recursos sociais e ofrecer unha resposta coordinada á situación de emerxencia que, ao seu entender, atravesa Vigo.