O BNG reclama á Xunta un plan para frear a emigración xuvenil

Iago Suárez advirte do impacto económico e demográfico da marcha de milleiros de mozos e mozas galegas por falta de oportunidades.
Iago Suarez
9 Feb 2026

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno do Parlamento desta semana unha iniciativa para reclamarlle ao PP na Xunta o deseño e posta en marcha dun plan específico para frear a emigración galega, especialmente entre a mocidade, e garantir un proxecto de vida digno no País.

O portavoz de Mocidade do BNG no Parlamento, Iago Suárez, cualificou de “alarmantes” as cifras da emigración galega nos últimos anos. Segundo os datos do INE, nos dezaseis anos de Goberno do PP case medio millón de galegos e galegas tiveron que emigrar. “Nun País que non chega aos tres millóns de persoas, perder medio millón significa moito”, advertiu.

Suárez explicou que lonxe de frearse, a emigración acadou no 2024 a cifra máis elevada do que vai de século XXI, con 36.704 persoas que abandonaron Galiza. Delas, 20.244 marcharon a outros territorios do Estado, principalmente a Madrid, Cataluña, Andalucía e Canarias, mentres que 16.460 emigraron a outros países, sobre todo de Europa.

O deputado nacionalista puxo o foco na emigración xuvenil, xa que case o 38 % das persoas que emigraron en 2024 tiñan menos de 35 anos. “Falamos de talento galego, de xente moza formada aquí que acaba xerando riqueza fóra, co grave prexuízo económico e demográfico que isto supón, especialmente para o rural”, sinalou.

Suárez criticou as “políticas nefastas” do PP e os “máis que dubidosos” resultados dos programas de retorno impulsados pola Xunta, así como a falta de medidas eficaces para reter a mocidade.

A iniciativa do BNG propón a elaboración dun plan consensuado no Parlamento, con medidas e orzamentos concretos, centrado no emprego, a mobilidade e a vivenda, para frear a emigración xuvenil. Tamén reclama un plan de incorporación da xente nova ao mercado laboral que remate coa fenda salarial das persoas menores de 30 anos.

Así mesmo, o Bloque demanda a realización urxente dun estudo sobre as causas da emigración xuvenil, co obxectivo de definir políticas públicas eficaces que permitan poñerlle freo.

⚙ Configurar cookies
0.26492094993591