O BNG reclama en Europa máis protección e apoio para o mexillón galego

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou este martes no Parlamento Europeo fondos comunitarios específicos para a acuicultura e o sector mexilloeiro, unha maior transparencia na trazabilidade da orixe do produto e condicións de competencia xusta fronte ao mexillón procedente de países de fóra da Unión Europea.
A demanda produciuse durante a presentación dun informe científico elaborado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), que puxo en valor os beneficios nutricionais e para a saúde do mexillón, o seu impacto medioambiental e a súa relevancia socioeconómica en Galicia e no conxunto de Europa.
O encontro, coorganizado pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega) e o BNG no Parlamento Europeo, levou por título 'Recoñecemento do valor do cultivo do mexillón: novas evidencias sobre os servizos ecosistémicos e a acuicultura sostible'. Nel presentouse un estudo a cargo do profesor Uxío Labarta, investigador honorífico do IIM, do investigador X. Antón Álvarez-Salgado (IIM-CSIC) e de Ana Vila, da consultora Inxenia Desarrollo Tecnológico.
Miranda defendeu a necesidade de situar o sector mexilloeiro nunha posición prioritaria nas políticas comunitarias e reclamou que os próximos orzamentos da Unión Europea inclúan unha partida específica para esta actividade. “Queremos poñer ao sector mexilloeiro en primeira liña e que os futuros fondos da Unión Europea contemplen unha partida de financiamento para este tipo de acuicultura sostible”, sinalou.
Galicia concentra o 98 % da produción de mexillón do Estado español, o que a converte no principal produtor deste bivalvo na Unión Europea. Porén, o sector afronta dificultades pola competencia dos produtos procedentes de terceiros países, especialmente do mexillón chileno, que accede ao mercado comunitario libre de aranceis grazas ao acordo comercial coa Unión Europea.
A esta situación súmanse as consecuencias das condicións climáticas sobre a actividade e o descenso da produción. En 2006 Galicia producía case 300 millóns de quilogramos de mexillón, mentres que en 2025 a cifra se reduciu ata os preto de 180 millóns.
“Estamos a falar dun sector que en Galicia alimenta a dez mil familias e fronte á inacción do Goberno do PP en Galicia, dende o BNG traballamos en prol da súa promoción e defensa”, afirmou Miranda, que tamén lembrou a petición realizada á Comisión Europea para que se recoñeza a denominación de orixe do Mexillón de Galicia.
Durante o encontro realizouse unha demostración gastronómica para amosar as propiedades do mexillón galego e as posibilidades da súa utilización na cociña. O investigador X. Antón Álvarez-Salgado destacou a calidade nutricional deste alimento e o seu reducido impacto ambiental: “Temos unha proteína de moita calidade, cunha pegada de carbono moi baixa”.
O BNG insiste na trazabilidade e na competencia xusta
A eurodeputada lembrou que xa visitara as instalacións de Opmega o pasado mes de setembro, acompañada pola deputada do Parlamento galego Rosana Pérez, despois de formular unha pregunta á Comisión Europea na que advertía sobre a competencia do mexillón chileno.
Miranda considera que a posible reforma da Organización Común de Mercados (OCM) da Unión Europea debe servir para reforzar a protección do produto galego e garantir unha información transparente sobre a súa procedencia. “Agardamos que coa posible reforma da OCM, a Comisión Europea apoie ao mexillón galego na trazabilidade do produto, co obxectivo de que o consumidor desfrute da maior transparencia sobre a orixe do que come”, indicou.
O BNG reivindica a importancia estratéxica do sector mexilloeiro para a economía e o emprego de Galicia, así como a súa contribución á conservación dos ecosistemas mariños. Na comunidade existen máis de 3.300 bateas distribuídas ao longo da costa, unha actividade da que dependen arredor de 12.000 traballadores e traballadoras e que xera unha facturación anual próxima aos 125 millóns de euros.