O BNG reclama un mapa de prezos da vivenda en Galicia para identificar os concellos con mercado residencial tensionado

O BNG reclama a publicación dun "Mapa de Tensión Residencial de Galiza" que permita coñecer, concello a concello, a evolución dos prezos da vivenda e identificar aqueles municipios que xa cumpren os requisitos legais para seren declarados zonas de mercado residencial tensionado.
A formación nacionalista considera que esta información é necesaria para coñecer a dimensión real do problema da vivenda en Galicia e para que se poidan aplicar medidas destinadas a conter o incremento dos alugueiros. O BNG tamén advirte de que a falta destas declaracións implica consecuencias económicas, ao limitar o acceso a determinadas liñas de financiamento e incentivos públicos.
A portavoz de Vivenda do BNG no Parlamento Galego, Alexandra Fernández, anunciou o rexistro dunha Proposición Non de Lei (PNL) para reclamar a publicación destes datos e que se declaren de oficio todas as zonas que cumpran os criterios establecidos na normativa.
Fernández acusa á Xunta de manter unha "ocultación deliberada" da información sobre os prezos da vivenda ao non facilitar os datos desagregados por concellos. "A Xunta non é que non teña os datos: é que os agocha deliberadamente para non cumprir a lei", afirmou.
A parlamentaria nacionalista puxo como exemplo a evolución dos alugueiros nos municipios nos que existen datos públicos. Nos últimos cinco anos, segundo os datos citados polo BNG, os prezos aumentaron un 57% en Ferrol, un 39% en Vigo e un 37% na Coruña, mentres tamén se rexistraron incrementos en Santiago, Pontevedra, Lugo e Ourense.
" Isto non é un problema técnico. O Partido Popular non é que non saiba como actuar, é que son obxectores das políticas públicas de vivenda por pura ideoloxía. Están do lado da especulación e non do lado da xente", asegurou Fernández.
Perda de financiamento para vivenda pública
O BNG sinala que a decisión de non declarar novas zonas tensionadas tamén ten un impacto económico sobre Galicia, ao impedir o acceso a financiamento e incentivos vinculados ao Plan Estatal de Vivenda.
Fernández explicou que, por cada dez vivendas que un concello ou a Xunta queira adquirir para incorporalas ao parque público, se deixa de percibir do Plan Estatal o 15% do seu valor, ademais de 120.000 euros en axudas destinadas a pequenas obras de adecuación.
A deputada calculou tamén que nunha promoción de 50 vivendas públicas a Xunta deixaría de recibir 800.000 euros en subvencións directas pola falta de declaración da zona.
Segundo o BNG, a situación tamén afecta á promoción privada, ao reducir os incentivos destinados aos promotores. Fernández advertiu de que se poden perder máis de 100.000 euros de axuda por vivenda industrializada, o que, ao seu xuízo, acaba dificultando e encarecendo o acceso á vivenda para as familias.
"Están a prexudicar aos concellos, aos promotores de vivenda protexida e a todas as familias galegas; incluso a propia Xunta perde financiamento con esa decisión", denunciou.
O BNG pide aplicar os criterios da Lei 12/2023
A PNL presentada polo BNG reclama que o mapa residencial se elabore cruzando, concello a concello, os prezos do alugueiro cos indicadores establecidos na Lei 12/2023, co obxectivo de determinar que municipios cumpren os requisitos para ser declarados zonas de mercado residencial tensionado.
A formación tamén solicita que se desenvolva o marco sancionador e os protocolos de inspección necesarios para garantir a efectividade das declaracións xa aprobadas, como as da Coruña e Santiago de Compostela.
Ademais, reclama eliminar os atrancos burocráticos para os municipios que estean a aplicar plans de medidas correctoras.
"Non é aceptable este grao de opacidade", afirmou Fernández, que considera necesario facer visible a situación dos milleiros de galegos e galegas que viven en zonas que, segundo o BNG, cumprirían os criterios para seren consideradas tensionadas.
"Queremos que se vexa a realidade, o grave da situación e como xa hai milleiros de galegos e galegas vivindo en zonas que cumpren a definición de tensionadas, pero que non poden recibir os investimentos previstos nos plans de vivenda porque a Xunta se nega a declaralas como tal", engadiu.
Fernández concluíu reclamando que o Goberno galego publique o mapa de tensión residencial e asuma as súas competencias para declarar de oficio todas aquelas zonas que cumpran os requisitos establecidos pola lei.