O BNG reivindica en Vigo máis soberanía para Galiza e chama a mobilizarse o 25 de xullo

A formación nacionalista celebrou un acto en Beade dentro da campaña 'Somos Nación', na que tamén defendeu a paz, os dereitos sociais e un maior autogoberno
ACTO COMARCAL BNG VIGO
18 Jul 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebrou este sábado no parque forestal de Beade, en Vigo, o acto central da campaña 'Somos Nación' na comarca, unha cita enmarcada nos actos previos ao Día da Patria Galega na que a formación reivindicou máis soberanía para Galiza, a defensa dos dereitos sociais e un mundo en paz.

No encontro participaron, entre outros, a responsábel nacional de Organización do BNG, Lucía López; o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas; o responsábel comarcal, Manuel Caride; a deputada no Parlamento galego Carmela González; e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Diego García.

Durante a súa intervención, Lucía López defendeu que a soberanía debe servir para que Galicia poida decidir sobre os seus propios recursos e políticas, sostendo que un maior autogoberno permitiría mellorar a calidade de vida da cidadanía. A responsable nacionalista tamén criticou o actual modelo de financiamento e a xestión dos recursos enerxéticos.

Pola súa banda, Xabier P. Igrexas asegurou que unha maior capacidade de decisión tamén beneficiaría a Vigo en cuestións como a xestión do porto, as infraestruturas ferroviarias ou os servizos de proximidade. O portavoz nacionalista presentou as eleccións municipais de 2027 como unha oportunidade para impulsar un cambio político na cidade.

O acto serviu tamén para defender a paz e rexeitar o incremento do gasto militar. O responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, cualificou esta posición como unha aposta polo antimilitarismo e pola solidariedade entre os pobos.

Desde Galiza Nova, Diego García puxo o foco nas dificultades ás que se enfronta a mocidade galega, como a precariedade laboral, o acceso á vivenda ou a defensa do galego no ensino. A campaña 'Somos Nación' culminará o vindeiro 25 de xullo coa manifestación nacional convocada polo BNG en Santiago de Compostela, para a que a formación fixo un chamamento á participación.

0.28630900382996