O Camiño Francés en Galicia e a ruta xacobea de Gran Canaria únense cun folleto e un selo común

A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés presentou en Arzúa os primeiros materiais froito do irmandamento entre os once municipios galegos da ruta e os concellos canarios de San Bartolomé, Tejeda e Gáldar
Irmandamento Camiño Francés e Gran Canaria
11 Nov 2026

O irmandamento entre o Camiño Francés en Galicia e o Camiño de Santiago en Gran Canaria comeza a dar os seus primeiros froitos coa creación dun folleto informativo sobre ambas as rutas e dun selo común para as credenciais dos peregrinos.

Os dous materiais presentáronse na Capela da Magdalena, en Arzúa, nun acto organizado pola Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, integrada por Arzúa, Melide, Monterroso, O Pino, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela.

A iniciativa é froito do traballo conxunto entre estes once municipios e os concellos canarios de San Bartolomé, Tejeda e Gáldar. O novo selo permitirá cuñar as credenciais das persoas peregrinas nos 14 municipios que forman parte deste acordo. "Aínda que nos separe o océano, únenos a tradición xacobea", sinalou a presidenta da Mancomunidade, Begoña Balado Conde, quen avanzou que xa se está a traballar en novos proxectos de cara ao próximo Ano Santo de 2027.

No acto participaron alcaldes e representantes dos once municipios galegos, así como o embaixador de honra do Camiño de Santiago, os delegados territoriais da Coruña e Lugo, o director do Xacobeo e representantes dos tres concellos canarios. O tenente de alcalde de Gáldar, Julio Mateo Castillo, destacou que o acordo "non foi un xesto protocolario, senón o inicio dunha relación verdadeira entre pobos que comparten unha mesma esencia".

A Mancomunidade agradeceu tamén a colaboración dos municipios canarios, que decidiron adoptar o seu manual de identidade corporativa en lugar de crear unha imaxe propia desde cero. A presentación dos materiais serviu para reafirmar a vontade de manter a cooperación e desenvolver novas iniciativas conxuntas.

0.56844711303711