O Camiño Gastronómico do Mar percorrerá 15 concellos en sete etapas entre outubro e novembro

A Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela poñen en marcha a sétima edición do Camiño Gastronómico do Mar, unha iniciativa que volverá combinar peregrinación e gastronomía co dobre propósito de promover esta ruta xacobea e fomentar o consumo de peixe.
A edición de 2026 desenvolverase durante sete domingos dos meses de outubro e novembro, cun itinerario que atravesará os 15 concellos da costa norte galega polos que discorre o Camiño do Mar, desde Ribadeo ata Neda. En cada xornada, os participantes completarán a pé tramos de entre 12 e 15 quilómetros aproximadamente.
A primeira etapa celebrarase o 11 de outubro entre Ribadeo e Barreiros. O percorrido continuará o día 18 por Foz e Burela e o 25 por Cervo e Xove. Xa en novembro, o día 1 será a quenda de Viveiro e O Vicedo; o 8, de Mañón e Ortigueira; e o 15, de Cariño e Cedeira. A sétima e última etapa chegará o 22 de novembro, cun percorrido polos municipios de Valdoviño, Narón e Neda.
As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 8 de outubro ou ata completar as prazas dispoñibles. A organización estreará nesta edición unha web específica na que se poderá consultar a información detallada de cada etapa e formalizar a participación.
Unha das novidades deste ano será unha maior implicación da hostalaría dos municipios polos que pasa a ruta. Restaurantes locais colaborarán no proxecto e terán a oportunidade de recibir aos peregrinos e amosar a súa maneira de elaborar diferentes receitas a partir dos produtos procedentes da lonxa de Burela. A iniciativa seguirá contando tamén coa colaboración de Estrella Galicia e Cabreiroá.
O proxecto naceu en 2020 coa intención de promover simultaneamente o Camiño do Mar e os produtos pesqueiros do porto de Burela, ademais de apoiar naquela primeira edición a un sector hostaleiro especialmente afectado polas consecuencias da pandemia. Seis anos despois, os organizadores destacan a consolidación da proposta e a súa capacidade para atraer participantes procedentes de diferentes puntos de Galicia.
Esta chegada de peregrinos ten tamén, segundo sinalan, repercusión económica nos municipios polos que transcorre o itinerario, xa que algúns participantes optan por desprazarse á zona o día anterior ao comezo de cada etapa e facer noite nas localidades próximas.
A experiencia pretende ir máis alá da propia camiñada. Tras percorrer os camiños e achegarse á gastronomía mariñeira, os participantes poderán selar en cada concello a súa particular "Compostela", deixando constancia do seu paso polas diferentes etapas.
Desde a organización inciden en que o Camiño Gastronómico do Mar foi medrando edición tras edición, incorporando cambios e novas propostas para reforzar unha fórmula que une territorio, peregrinación, gastronomía, pesca e hostalaría.
A información completa sobre os percorridos e as inscricións está dispoñible na web oficial do Camiño Gastronómico do Mar 2026.