O Carballiño e Mogán selan un irmandamento unido pola gastronomía e a emigración

O Concello do Carballiño iniciará un proceso de irmandamento co municipio canario de Mogán, unha unión que nace da conexión histórica coa emigración e dunha identidade gastronómica compartida baseada nos produtos do mar e na tradición culinaria atlántica.
Mogán alberga o coñecido porto de Arguineguín, un lugar que ao longo dos últimos anos adquiriu unha gran carga simbólica vinculada ao fenómeno migratorio. O peirao, que chegou a ser coñecido como o “peirao da vergoña” pola situación vivida durante a chegada masiva de caiucos no ano 2020 e a complicada situación de milleiros de persoas, recuperou recentemente unha nova dimensión tras a visita do papa León XIV. Durante a súa estancia, realizou unha emotiva homenaxe ás persoas migrantes, convertendo simbolicamente o espazo nun “porto da esperanza”.
Na súa intervención, o pontífice puxo en valor a dignidade das persoas migrantes e reivindicou o respecto cara ás súas historias persoais, ás familias deixadas atrás e aos seus proxectos de vida.
A relación entre O Carballiño e Mogán tamén atopa un punto de unión no fenómeno migratorio. No caso do municipio ourensán, a emigración marcou durante décadas a realidade social de moitas familias, especialmente na segunda metade do século pasado.
A iniciativa xurdiu tras a recente presentación da Festa do Pulpo en Lanzarote e consolidouse pola estreita vinculación gastronómica existente entre ambos territorios. Mentres O Carballiño converte o polbo nun dos seus grandes símbolos culinarios, Mogán celebra cada ano unha destacada feira dedicada ao atún, produto emblemático da súa gastronomía local.
O concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal, explicou que esta unión permitirá promocionar a riqueza da cociña tradicional e dos produtos do mar representados polo polbo e o atún.
O irmandamento formalizarase durante a celebración da Festa do Pulpo, á que asistirán representantes do goberno municipal de Mogán para coñecer de primeira man unha das celebracións gastronómicas máis representativas de Galicia e degustar o tradicional polbo á feira. A visita servirá tamén para intercambiar experiencias, técnicas e costumes ligadas á gastronomía atlántica.
Ademais, O Carballiño participará como convidado de honra na Feira do Atún e do Mar que se celebra cada mes de novembro en Mogán. O evento reúne a milleiros de asistentes e inclúe degustacións, demostracións culinarias e a tradicional actividade do “ronqueo”, o proceso de despece artesanal dun gran exemplar de atún, unha iniciativa que desde o Concello comparan coa elaboración da tapa de cefalópodo máis grande do mundo que se realiza na localidade ourensá.
Manuel Dacal destacou a satisfacción do municipio por estreitar relacións cun territorio que, ao igual que O Carballiño, aposta pola promoción da calidade dos produtos mariños e pola defensa da tradición gastronómica atlántica.