O Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas de Moeche incorpórase á rede galega de centros museísticos

O Consello da Xunta aprobou a súa cualificación como centro de interpretación do patrimonio cultural, unha categoría que conta con outros cinco espazos e que eleva a 101 os equipamentos integrados no sistema
MOECHE museo castillo revoltas irmandiñas
3 Nov 2026

O Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, situado no castelo de Moeche, acaba de incorporarse ao Sistema galego de centros museísticos. O Consello da Xunta aprobou a súa creación e cualificación como centro de interpretación do patrimonio cultural, un recoñecemento que culmina o proceso iniciado polo Concello de Moeche e cuxa proposta recibira o respaldo do pleno municipal.

Con esta incorporación, a rede galega alcanza os 101 equipamentos: 71 museos, 24 coleccións museográficas e seis centros de interpretación do patrimonio cultural. O Consello da Xunta valorou o labor divulgativo do espazo arredor dun período relevante da historia de Galicia, o seu plan museolóxico e o seu papel como elemento de dinamización cultural da contorna.

O centro ocupa o interior do castelo de Moeche, unha fortaleza do século XV declarada Ben de Interese Cultural, propiedade da Casa de Alba e xestionada polo Concello. A súa exposición céntrase nas revoltas irmandiñas e nos acontecementos históricos vencellados á fortaleza. A mostra foi cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Concello.

O percorrido inclúe mapas, maquetas, pantallas e paneis explicativos sobre a historia e evolución do castelo, as revoltas irmandiñas e os seus principais protagonistas. O espazo conta tamén cunha zona para exposicións temporais e outra dedicada á contorna e ao Xeoparque Cabo Ortegal.

O Goberno municipal valora a integración na rede como un recoñecemento ao traballo realizado desde o Concello para manter a fortaleza e divulgar a historia local. A alcaldesa tamén agradeceu a colaboración do voluntariado e dos veciños e veciñas que contribúen a dinamizar este espazo histórico.

0.42966794967651