O ciberacoso é a forma de violencia dixital con máis presenza nos medios, segundo a UVigo

Sinálase a necesidade de que nas novas se detallen, ademais dos casos, as causas estruturais
stop-machitroles-uvigo
25 Nov 2026

O 6º informe do Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles, impulsado pola Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, constata que a violencia machista dixital ten cada vez máis presenza nos medios de comunicación, pero tamén alerta de que as novas seguen centradas no relato do casos e non en sinalar as causas nin as solucións. O ciberacoso é a forma de violencia máis presente pero a IA acelera novas formas de agresión. Estas son tres das principais conclusións do estudo presentado este luns no edificio Redeiras pola reitora da UVigo, Carmen García Mateo e a coordinadora de Estratexia da Deputación, Sandra Bastos, en representación das dúas institucións impulsoras da Cátedra Feminismos 4.0 Xunto con elas, a encargada de detallar os resultados do estudo foi a técnica da Unidade de Igualdade da UVigo, Mar Fernández, autora da investigación xunto co xornalista Aarón López.

O informe identificou máis de 1500 publicacións relacionadas co fenómeno das violencias machistas facilitadas pola tecnoloxía (VMFT) na prensa galega e nacional, o dobre ca no informe anterior. Máis aló do incremento da mostra, os investigadores detectaron unha maior presenza pública deste fenómeno que, segundo destacan, “non é un problema tecnolóxico, porque a tecnoloxía non crea violencia, senón que é un problema de desigualdade de xénero estrutural que se traslada á contorna dixital”. Ademais, as VMFT, como remarcaba Mar Fernández na presentación, teñen a capacidade de “estender as dinámicas de control, vixilancia e intimidación máis aló dos límites físicos, a través de aplicacións de mensaxería, domótica, conectividade ou xeolocalización”. Isto dilúe a fronteira entre o público e o privado e dificulta a existencia de espazos seguros para as mulleres.

O informe presentouse no marco das actividades programadas pola Universidade de Vigo co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Este será o primeiro 25N de García Mateo como reitora, como ela mesma salientaba mentres reafirmaba a súa convicción de que a igualdade é “un compromiso transversal de toda a Universidade” que debe estar presente “nas decisións que tomamos cada día”.

En relación cos resultados do informe, a reitora remarcou que “a violencia machista non desaparece cando apagamos unha pantalla. As tecnoloxías poden prolongar o acoso, o control ou a intimidación máis alá de calquera espazo físico” e, neste escenario, “o reto non é que as mulleres teñan que facerse invisibles para estar seguras, senón construír contornas dixitais nos que poidan participar con liberdade e en igualdade de condicións”.

García Mateo sinalou tamén que comparte “especialmente” unha das miradas que se recollen no informe: “situar as mulleres non só como vítimas das violencias dixitais, senón como protagonistas das solucións. Como investigadoras, profesionais da tecnoloxía e creadoras de coñecemento. Ese é tamén un reto para a universidade: abrir oportunidades para que as mulleres participen plenamente na construción do futuro tecnolóxico. Porque innovar non consiste só en desenvolver novas ferramentas. Consiste tamén en preguntarnos para que serven, a quen benefician e como podemos poñelas ao servizo do ben común”.

Pola súa banda, Sandra Bastos puxo en valor a colaboración entre a UVigo e a Deputación de Pontevedra no eido da igualdade, facendo posible a Cátedra Feminismos 4.0 na que se enmarca este informe. Reivindicou que as mulleres “poidamos habitar os espazos dixitais con liberdade e con seguridade” e subliñou a importancia de asumir “que a violencia dixital non é unha violencia menor, as súas consecuencias son reais e afectan á intimidade, á dignidade e ao benestar emocional e á liberdade das mulleres que a sofren”. Tamén remarcou a importancia de contextualizar nos medios estas violencias, “non chega con contar o que sucede, é necesario explicar as causas e identificar as responsabilidades para contribuír á prevención”.

11 cabeceiras analizadas e 1543 publicacións relacionadas coas violencias machistas

A nova edición do informe Stop Machitroles supón un avance metodolóxico respecto ao anterior ao ampliar a mostra de medios analizados, pasando de oito a 11 cabeceiras e incorporando unha maior presenza de diarios estatais. Esta ampliación permite reforzar a representatividade do corpus e mellorar a capacidade explicativa da investigación, facilitando a identificación de tendencias mediáticas con maior alcance e diversidade editorial.

A investigación identificou un total de 1543 publicacións relacionadas co fenómeno das violencias machistas facilitadas pola tecnoloxía. Delas, 889 centrábanse na descrición de violencias concretas e 654 abordaban accións orientadas á prevención, sensibilización, regulación ou resposta institucional. Estes datos, segundo destacaba Mar Fernández, “evidencian que a cobertura mediática continúa priorizando a narración dos feitos violentos fronte á difusión de iniciativas para a súa prevención e erradicación”.

Sobre as formas de violencia con maior presenza, o ciberacoso segue no centro, con 398 referencias, seguido da difusión non consentida de imaxes íntimas, con 293 e a manipulación de contidos mediante intelixencia artificial, con 191. As redes sociais, os dispositivos dixitais e as aplicacións de mensaxaría aparecen como as principais contornas tecnolóxicas empregada para desenvolver estas violencias no ámbito dixital.

A análise confirma tamén que as mulleres continúan sendo as principais vítimas representadas na cobertura mediática, tanto no caso das mulleres adultas e menores como das mulleres con presenza pública. Ao mesmo tempo, obsérvase unha menor visibilización de quen perpetra estas violencias, o que contribúe a desprazar o foco informativo cara ás vítimas e non cara aos mecanismos e actores que producen a agresión.

Outro dos principais achados do informe é que só o 22,1 % das publicacións incorpora algún elemento asociado á perspectiva de xénero, xa sexa mediante a contextualización das desigualdades estruturais, a identificación explícita do machismo como causa da violencia ou a difusión de recursos de apoio ás vítimas. Aínda que existen diferenzas entre medios, estes elementos continúan sendo minoritarios no conxunto da cobertura analizada.

De maneira especial, a investigación identifica unha crecente presenza informativa das hipertrucaxes sexualizadas e doutras formas de violencia asociadas á intelixencia artificial. Porén, en boa parte da cobertura continúa prevalecendo un enfoque centrado na protección da infancia e da adolescencia que tende a invisibilizar o carácter estrutural e profundamente xeralizado deste fenómeno, que afecta ás mulleres de todas as idades.

O informe tamén recolle unha serie de recomendacións para fortalecer nos medios de comunicación un tratamento informativo capaz de identificar as causas estruturais destas violencias, visibilizar as responsabilidades das plataformas tecnolóxicas, das institucións e dos agresores, e incorporar unha perspectiva feminista. Entre as propostas que detallou a técnica de Igualdade da UVigo destacan: evitar presentar os casos como feitos illados; contextualizar as noticias no marco das desigualdades de xénero; incorporar recursos de apoio ou información útil para as vítimas ou dar voz a especialistas na materia, porque “informar mellor tamén é unha forma de prevención”. E é que, como indicaba Fernández, cómpre poñer o foco en previr e educar desde idades temperás e regular para poder esixir maior responsabilidade ás plataformas tecnolóxicas.

1.6516358852386