O Circo Romano do Arde Lucus será o gran protagonista dun sábado cheo de cultura castrexa e romana

Lugo vive unha das xornadas centrais da XXV edición do Arde Lucus, festa declarada de Interese Turístico Internacional, cun sábado no que o Circo Romano e as representacións da cultura castrexa e romana concentran boa parte da programación.
Desde as 11:00 horas, as rúas da cidade énchense de espectáculos itinerantes organizados por Bakan, Kaltie, Grimorium, Malatitsch, Trip Malabar, Turdión, Vulcano, Gravity, Tympana Galaica, Tambukada, Fauno e Títeres, que percorren distintos puntos urbanos levando animación continua.
Á mesma hora, ás 11:30 horas, desenvólvense varias propostas simultáneas: “Camiñando xuntos pola historia”, a cargo de Terra Copora, no Parque Rosalía de Castro; “Spvgnativm”, con Cohors III Lvcensivm, Tir Na N’Og, Lvcvs Icenas Miliatore e A Castronela, na Praza Maior; e “Caupona”, de Caetra Lvcensivm, na Praza de Ferrol.
Ás 12:00 horas continúan as actividades con “Grito de Liberdade: Arenga de Boudica”, de Lvcvs Icenas Miliatore, na Praza Anxo Fernández Gómez; a presentación de reproducións de ourivería e cerámica do Clan de Breogán no Parque Rosalía de Castro; as escaramuzas contra os lexionarios de Pax Romana, Lvgdvnvm e Lvcvs Eqvites na avenida Rodríguez Mourelo; os Xogos Píticos na explanada do Pavillón Municipal; e a obra “Teatrvm: De Nihilo Victoria”, de Juan Casaveteiro, na Praza Maior.
Ás 12:30 horas ten lugar a recepción de tropas e tribos extranxeiras e o nomeamento de Civitas Honoris na Praza Maior, mentres que na Praza de Santa María se celebra a loita de gladiadores de Ars Dimicandi. Xa ás 13:00 horas, o Senatvs Lvcvs Avgvsti presenta unha sesión do Senado na Praza Maior, seguida ás 13:30 horas dun desfile con percusión de Lvcvs Eqvites de forma itinerante.
Pola tarde, desde as 17:00 horas, continúan as actividades con “O trampeiro” de Terra Copora no Parque Rosalía de Castro, o desfile polas rúas de Salesiani Lvci Avgvsti, unha nova función de “De Nihilo Victoria” na Praza Maior e outra sesión de loita de gladiadores en Santa María. Tamén se celebran propostas como “Crea o teu mosaico” na rúa Anxo López Pérez, o teatro itinerante “Ad Vini Vocem” de Achádego Teatro, os bautizos celtas na Praza Maior, e ás 18:00 horas o Circvs Maximvs na explanada do Pavillón Municipal.
Ás 18:30 horas continúan “Asalto ao monte Medvlio”, “Silva Tenebrarum: Amor, encantamentos e maldicións” na avenida Rodríguez Mourelo, o traballo metalúrxico nos poboados galaicos no Parque Rosalía de Castro e as lendas da Muralla na Porta de San Pedro. Ás 19:00 horas preséntase “Susurros do carballo: o oráculo das pedras” e celébranse vodas celtas na Praza Maior, mentres que ás 19:30 horas volven os combates de gladiadores.
Ás 20:00 horas ten lugar o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas pola Ronda da Muralla, con saída na Porta de Santiago. Xa pola noite, ás 22:30 horas, o Circvs Maximvs Nocturno volve á explanada do Pavillón Municipal e a Praza Maior acolle o espectáculo de lume de Vulcano. Ás 23:00 horas pecha a xornada o concerto de Celtica Pipes Rock! na Praza de Santa María.