O Club Cultural Valle-Inclán celebra 60 anos cun ciclo de reflexión sobre o pasado e o presente de Galicia

O Club Cultural Valle-Inclán conmemora o seu sesenta aniversario coa organización do ciclo “Agora non é antes”, unha proposta que busca reflexionar sobre a evolución social e política de Galicia.
A iniciativa arrinca o luns 23 de marzo coa presentación do libro homónimo do filósofo Antón Baamonde, que estará acompañado polo xornalista e profesor Manuel Gago. O acto contará coa presentación de Felipe Arias Vilas, vicepresidente da entidade, e celebrarase no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo ás 19:30 horas.
O ciclo continuará o 23 de abril cunha mesa redonda centrada no pasado, baixo o título “Antes”, na que participarán políticos lucenses activos nas décadas de 1960 e 1970, como Carlos Dafonte Díe, Lois Diéguez Vázquez, Alfredo Sánchez Carro, Cándido Sánchez Castiñeira e Miguel Vázquez Calvo. A sesión será moderada polo profesor e articulista Santiago Fernández Rocha.
Xa o 7 de maio, a segunda mesa redonda abordará o presente, “Agora”, coa participación de Alicia Carballedo Portela, directora de Radio Lugo-SER; Olga Louzao Aldariz, licenciada en Ciencias Políticas e da Administración; Serxio María Rodríguez Álvarez, politólogo e historiador; e Fernando Suárez Barcia, graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos. O debate será conducido por Xosé Ramón Cando Vázquez.
O ciclo pecharase o 2 de xuño ás 19.30 horas cunha conferencia titulada “O estado do mundo hoxe e nós. ¿Está en perigo a democracia?”, impartida por Antón Losada e presentada pola presidenta do club, Tonina Gay, no Salón de Actos da Casa do Saber da USC.
No marco desta conmemoración, tamén está en proceso de edición o libro “60 anos. Club Cultural Valle-Inclán”, de Antonio Prado Gómez. A entidade continuará, ademais, coa súa programación habitual, que inclúe ciclos de cine, sesións de Filmoteca, viaxes culturais e actividades relacionadas coas Letras Galegas.