Lugo perde a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública en favor de Zaragoza

O Concello de Lugo expresou o seu "profundo pesar" tras coñecerse a decisión do Goberno de España de designar Zaragoza como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública, deixando fóra a candidatura lucense. O executivo municipal considera que a resolución supón "un novo desprezo" para a cidade e sostén que o proceso estivo condicionado por criterios políticos e non exclusivamente técnicos.
Desde o Concello defenden que Lugo presentaba unha candidatura "rigurosa e solvente", avalada por activos como o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, o potencial investigador do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e a Facultade de Veterinaria, así como por unha localización que, segundo destacan, respondía aos principios de cohesión territorial e equilibrio institucional defendidos polo propio Executivo central.
O Goberno local considera especialmente preocupante que a cidade perda outra oportunidade estratéxica pese a presentar unha proposta con "méritos obxectivos" e entende que esta decisión evidencia "a incapacidade do PSOE lucense para facer valer os intereses de Lugo ante o Goberno de Pedro Sánchez".
O Concello insiste en que non reclamaba un trato de favor, senón que se avaliasen con rigor as fortalezas dunha candidatura construída desde o consenso institucional e baseada en capacidades científicas, universitarias e sanitarias.
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, manifestou que a elección de Zaragoza é unha decisión "que hai que respectar", aínda que recoñeceu que foi recibida "con pesar", xa que Lugo presentaba unha candidatura sólida e con argumentos de peso para albergar a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública.
Fernández destacou que a cidade dispoñía dunha proposta seria, con espazos adecuados e cun ecosistema universitario, sanitario e investigador plenamente acorde coa natureza da futura institución. Ao mesmo tempo, pediu facer unha valoración "desde a serenidade e sen caer en localismos", lembrando que Lugo competía con cidades de primeiro nivel e que chegar á fase final xa demostra a fortaleza da candidatura.
O portavoz socialista tamén puxo en valor o consenso acadado arredor da candidatura, construída sobre os recursos propios da cidade e baseada no modelo One Health, que integra a saúde humana, animal e ambiental. Neste sentido, considerou necesario coñecer con detalle os criterios empregados para seleccionar a sede definitiva e reclamou que as administracións expliquen os elementos que decantaron a decisión.
Finalmente, Miguel Fernández apelou a que Lugo non quede instalada na sensación de oportunidade perdida e avogou por aproveitar o traballo realizado para optar a futuros proxectos de carácter estatal vinculados á investigación, á saúde pública e ao ámbito científico. Ao seu xuízo, a cidade conta con universidade, talento, capacidade investigadora e un tecido sanitario que lle permiten seguir aspirando a iniciativas deste nivel.
RESPOSTA ÁS CRÍTICAS
Ademais, desde o grupo municipal socialista responderon ás críticas vertidas contra o anterior Goberno local, que constitúen “un exercicio de demagoxia política, oportunismo e afastamento da realidade” e acusan á rexedora de buscar responsables no pasado en lugar de asumir as súas propias responsabilidades.
Desde o PSOE lembran que Lugo presentou unha candidatura que consideran sólida e competitiva, elaborada coa convicción de que a cidade reunía condicións suficientes para optar a esta institución estatal. A formación destaca que o proxecto conseguiu manterse durante dezaseis meses no proceso de selección e chegar á fase final da competición.
Os socialistas subliñan que alcanzar os últimos pasos do procedemento non debe interpretarse como un fracaso e sosteñen que a verdadeira oportunidade perdida produciuse unha vez que o actual Executivo municipal asumiu a responsabilidade de continuar defendendo a proposta.
Neste sentido, reprochan a Candia que trate de atribuír ao anterior Goberno un resultado que se produciu cando xa estaba á fronte do Concello. Segundo sinalan, a alcaldesa recibiu unha candidatura xa preparada e cunha posición consolidada, polo que a súa obriga era dar continuidade ao traballo realizado, atender os requirimentos de información e desenvolver as accións políticas e institucionais necesarias para reforzar a proposta.
O Grupo Municipal Socialista considera que a perda da sede non responde á calidade da candidatura, senón á falta de implicación do actual Goberno local na súa defensa. Ademais, censura que Candia utilice este asunto como elemento de confrontación política e aseguran que a súa actitude responde a unha estratexia baseada en apropiarse dos éxitos e atribuír os resultados negativos aos seus predecesores.
Por último, o PSOE reclamou á alcaldesa “máis responsabilidade e menos demagoxia” e insistiu en que Lugo contou cunha candidatura capaz de competir con garantías ata o final do proceso. Os socialistas sosteñen que a responsabilidade do Goberno municipal era defender os intereses da cidade ata o último momento e consideran que esa tarefa non se realizou coa intensidade necesaria.