O Congreso dá luz verde á tramitación da transferencia da AP-9 a Galicia co apoio de PSOE, BNG e Sumar

O proceso para facer efectiva a transferencia da AP-9 a Galicia continúa avanzando no Congreso dos Deputados tras a aprobación, este martes, do informe da ponencia encargada de tramitar a lei orgánica que permitirá o traspaso da autoestrada. O texto saíu adiante grazas ao acordo entre PSOE, BNG e Sumar, co respaldo tamén de formacións como Bildu, ERC, PNV e Junts, mentres que PP e Vox votaron en contra.
A proposta contempla o traspaso da titularidade da Autoestrada do Atlántico á comunidade galega, aínda que o Estado mantería as obrigas económicas derivadas das decisións adoptadas durante o período no que a infraestrutura permaneceu baixo a súa competencia e vinculadas á concesionaria Audasa.
Pola súa banda, a Xunta asumiría os custos e responsabilidades financeiras derivados das modificacións que decida aplicar no futuro sobre o réxime económico da concesión unha vez que o traspaso sexa efectivo.
Os grupos que impulsan o acordo consideran que o novo texto respecta o espírito da iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, aínda que admiten cambios na redacción. Pola contra, tanto o Goberno galego como o PPdeG sosteñen que o documento modifica aspectos esenciais do texto inicial e reduce as garantías económicas previstas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa manifestara o luns as súas críticas ao acordo, mentres que a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou que o Executivo galego non aceptará que se “desvirtúe” o consenso acadado no Parlamento autonómico.
A pesar da oposición de populares e Vox, a maioría dos grupos parlamentarios apoiaron o informe da ponencia, polo que a iniciativa continuará agora a súa tramitación na Comisión de Transportes e posteriormente no pleno do Congreso. Ao tratarse dunha lei orgánica, necesitará maioría absoluta para a súa aprobación definitiva.
Posteriormente, a norma deberá pasar tamén polo Senado, onde o Partido Popular conta con maioría absoluta, antes da súa entrada en vigor.
Desde Sumar explicaron ademais que finalmente quedaron fóra do debate varias emendas relacionadas coas mariscadoras e coa minería, ao non gardaren relación directa coa AP-9.
O PPdeG xustificou o seu voto negativo reclamando que se manteña intacto o texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego. Os deputados populares Celso Delgado, Pedro Puy e Tristana Moraleja acusaron aos grupos promotores do pacto de intentar apartar ao principal partido de Galicia do acordo sobre a autoestrada.
Os populares consideran que o novo redactado altera cuestións fundamentais, especialmente no referido ás garantías económicas. Reclaman que o Estado continúe financiando os compromisos adquiridos, incluídas as bonificacións das peaxes e a supresión da suba tarifaria do 1% aplicada desde 2019.
O PP tamén expresou a súa preocupación pola eliminación dunha disposición que obrigaba ao Estado a asumir posibles consecuencias económicas no caso de que a xustiza europea declare nulas as prórrogas da concesión da AP-9.
Segundo os populares, a desaparición desa cláusula podería provocar importantes prexuízos económicos para Galicia, especialmente no contexto das investigacións abertas pola Comisión Europea sobre as ampliacións da concesión da autoestrada.