O conselleiro de Cultura recibe o agradecemento da Real Academia Galega pola actualización do Plan da lingua

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu “o apoio” do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, durante o proceso de elaboración da proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo na entrega hoxe ao presidente da entidade do documento que foi presentado onte na Cidade da Cultura.
Neste senso, tras recibir o agradecemento e parabéns de Monteagudo pola iniciativa do Pacto pola Lingua e polo traballo a prol da renovación do documento, o representante da Xunta de Galicia destacou que despois do encontro multitudinario de onte, “o primeiro acto de presentación tiña que ser coa Real Academia, porque é a entidade que nos ten que guiar e que nos leva aconsellando neste novo escenario dunha sociedade tan cambiante”. Así mesmo, ambos os dous coincidiron na necesidade de abrir novos escenarios para o idioma tendo en conta os cambios que experimentou Galicia nos últimos 20 anos a distintos niveis. Nesta liña, López Campos puntualizou que “agora iniciamos un novo camiño no que agardamos que se reflicta o pacto social e poidamos avanzar xuntos, porque a lingua é unha responsabilidade de todos”.
As queixas do PSOE en materia de Educación
Pola súa banda, a portavoz de lingua e cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, alertou hoxe do contido da pretendida actualización do plan de normalización que onte presentou a Xunta sen acordar nada cos grupos parlamentarios e incluso antes de trasladarlles o seu contido. Neste caso, chamou a atención do apartado referido á educación, que debera ser “fundamental” para atallar o descenso no uso da lingua.
“Hai enunciados tan demoledores como ‘promover unha presenza equilibrada das dúas linguas oficiais na educación infantil’”, advertiu a deputada do PSdeG, que subliñou que unha delas “é unha lingua minorizada e outra non”. “Como podemos seguir tratando unha lingua minorizada en igualdade de condicións con outra que non o é?”, preguntouse.
Longueira referiuse a medidas como “a incorporación do galego ás actividades de socialización no ámbito educativo”, algo que considera que debería ser “importante”, pero que neste caso se aborda do mesmo xeito que o que acontece nas aulas, con ese “equilibrio” que non responde á realidade. Lamentou, ao mesmo tempo, que, no documento, outras cuestións aínda máis relevantes para a transmisión do galego “déixanse ao azar”.
A tamén secretaria de cultura e lingua do PSdeG insistiu en que, co seu proceder e co contido dunha actualización do plan de normalización que carece do necesario consenso, o PP demostra que atallar a situación de crise que padece o galego “non está entre as súas prioridades, senón máis ben ao contrario”.