O Día de Ferrol e o concerto de Juan Magán marcan a programación do San Froilán este sábado

A xornada contará coa recepción oficial da Corporación de Ferrol, o Sanfroidance, o Festival de Cultura Tradicional e diferentes propostas musicais e festivas
juan-magan
10 Oct 2026

Este sábado, 10 de outubro, Lugo celebrará o Día de Ferrol dentro do programa do San Froilán, cunha xornada que combinará os actos institucionais vinculados á cidade convidada con actividades culturais, tradición, música e animación. A programación terá como principal cita musical o concerto de Juan Magán, ás 22.00 horas na praza do Seminario.

Os actos do Día de Ferrol comezarán ás 12.30 horas coa recepción oficial á Corporación do Concello de Ferrol no salón de plenos da Casa do Concello de Lugo. Antes, ás 11.00 horas, a praza da Mosqueira acollerá a Feira de Antigüidades e Coleccionismo, mentres que a carpa do Cantiño Nemesio Cobreros será escenario de Expolugo, a exposición de razas autóctonas de Galicia.

A música tradicional estará presente desde o mediodía. Ás 13.00 horas, a Banda Sons e Soños actuará na praza de Santa María e, ás 13.30 horas, a Charanga Louband animará a praza da Soidade e Campo Castelo.

A programación de X Cultura e Tradición no Camiño ofrecerá ás 11.00 e ás 17.00 horas dous talleres na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia e no Espazo Relembra: Colectivo de Orfebrería III, de Susi Gesto, e Fiado a man e escarpiños de agullas II, da Asociación de Bolboreta Fiandeira. As actividades requiren inscrición previa no correo traxandaina@gmail.com.

Esta programación continuará ás 19.00 horas coa actuación musical "Suso Vaamonde" (Cantos de cego), no mesmo espazo. Pola súa banda, as rúas da cidade estarán animadas durante toda a xornada con diferentes pasacalles. Ás 12.00 horas, A Pingarela percorrerá a rúa San Marcos, praza de Ferrol, Montevideo e Bolaño Ribadeneira. Ás 19.00 horas, Os Xílgaros de Lugo actuarán por Augas Férreas e Afonso X, mentres que ás 20.00 horas será a quenda de Reviravolta pola Ronda das Fontiñas e de Bloco Meigallo pola Tinería.

A música e a cultura urbana terán tamén un espazo propio no Sanfroidance, que celebrará a súa XXI edición desde as 17.00 horas na carpa de Santo Domingo. A cita contará coa participación de Juli Giuliani, Telephunken, Lumedoloop, Dein, Dani Rivera e Onelia.

Xa pola noite, a praza de Santa María acollerá ás 20.30 horas o XXIV Festival de Cultura Tradicional, organizado coa participación da Asociación Cultural Cantigas e Frores. Á mesma hora, a praza Maior será escenario da verbena da Orquesta América.

O gran reclamo musical da noite chegará ás 22.00 horas coa actuación de Juan Magán na praza do Seminario, nunha xornada que combinará os actos do Día de Ferrol con tradición, cultura popular, música e propostas festivas en diferentes puntos da cidade.

0.39001989364624