O Festival Azul 2026 levará máis de quince actividades náuticas, culturais e gastronómicas á Ría de Vigo

Durante catro días, veciñanza e visitantes poderán participar nun amplo programa de actividades deportivas, educativas, culturais, turísticas e gastronómicas para todos os públicos
presentacion-festival-azul-vigo
10 Jun 2026

A Ría de Vigo converterase entre os días 11 e 14 de xuño no epicentro das actividades náuticas das Rías Baixas coa celebración dunha nova edición do Festival Azul, unha iniciativa impulsada polo Clúster Náutico Rías Baixas para achegar á cidadanía a riqueza e diversidade das propostas vinculadas ao mar.

Durante catro días, veciñanza e visitantes poderán participar nun amplo programa de actividades deportivas, educativas, culturais, turísticas e gastronómicas pensadas para todos os públicos. O obxectivo do festival é fomentar o coñecemento e o desfrute do medio mariño a través de experiencias que permitan descubrir as múltiples posibilidades que ofrece a contorna da Ría de Vigo.

Entre as propostas náutico-recreativas destacan os bautismos de vela organizados polo Real Club Náutico de Vigo, as sesións de surf e paddle surf promovidas por SurfVigo e Pradosurf, as actividades de paddle surf pilates e as saídas en Dragon Boat da man do Club Piragüismo Olívico. Como novidade desta edición, o festival incorpora a regata solidaria “Velas polo Alzheimer”, organizada por Naviera Nabia, coa que se busca unir a paixón polo mar coa sensibilización e o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade.

O programa inclúe tamén diversas actividades educativas e culturais, entre elas visitas ao Observatorio Nautilus e ao histórico barco Hidria Segundo, ambas promovidas pola Fundación Traslatio, así como un obradoiro de identificación de algas. Algunhas das actividades previstas, como o safari de snorkel nas Illas Cíes, xa colgaron o cartel de completo debido á elevada demanda.

A oferta complétase con propostas turísticas e gastronómicas que permitirán coñecer a ría desde unha perspectiva diferente. Os participantes poderán embarcarse en cruceiros temáticos como a Ruta do Mexillón ou a Ruta do Polbo, mentres que actividades como o showcooking e o paseo ao solpor nunha goleta tamén esgotaron xa as súas prazas.

Desde a organización lembran que a maior parte das actividades contan con aforo limitado, polo que recomendan formalizar a inscrición canto antes para garantir a participación. O proceso de reserva realízase a través dos formularios habilitados na páxina web do festival.

O Festival Azul consolídase así como unha das principais citas de promoción da cultura marítima e do turismo náutico en Galicia, ofrecendo unha oportunidade única para descubrir e vivir a Ría de Vigo desde o mar.

0.32824802398682