O Festival Espírito Ribeiro chega este ano a Cenlle do 22 ao 23 de agosto

O municipio toma o relevo de Castrelo de Miño antes de trasladarse á Arnoia en 2027
presentacion-festival-espirito-ribeiro-cenlle-2026
14 Aug 2026

Cenlle acollerá os próximos 22 e 23 de agosto unha nova edición do Festival Espírito Ribeiro, que se desenvolverá no Campo do Cabalo, en Laias, no marco dos Concertos do Xacobeo de Turismo de Galicia. A cita reunirá diferentes propostas arredor do viño da Denominación de Orixe Ribeiro, a gastronomía, a música, a artesanía, os produtos de proximidade, a cultura e o patrimonio.

Tras a celebración da pasada edición en Castrelo de Miño, Cenlle toma este ano o relevo dentro dunha iniciativa promovida de maneira conxunta polos tres concellos da contorna. A proposta continuará posteriormente na Arnoia, que acollerá o festival en 2027, consolidando así unha fórmula de colaboración entre os municipios promotores.

O Festival Espírito Ribeiro busca poñer en valor os produtos e recursos vinculados ao territorio, tendo como eixo central os viños da Denominación de Orixe Ribeiro. A iniciativa combina esta vertente coa gastronomía, a música, a artesanía, os produtos de proximidade, a cultura e o patrimonio.

A música e a cultura en lingua galega tamén forman parte dos obxectivos da proposta, contribuíndo tanto o festival como a propia Denominación de Orixe Ribeiro ao seu fomento e reforzando a súa relación coa identidade galega.

Durante toda a fin de semana, o público poderá participar ademais en dous obradoiros gratuítos impulsados pola Xunta de Galicia a través da Fundación Artesanía de Galicia. As actividades permitirán achegarse ás técnicas da cianotipia e da serigrafía sobre téxtil.

A programación completarase coa venda directa de produtos por parte de artesás e artesáns adheridos aos selos Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria, así como doutros produtores agroalimentarios amparados por distintivos de calidade diferenciada, coa colaboración da Consellería do Medio Rural.

0.32230496406555