O Festival Son e Mar levará seis días de música a Vigo e espera reunir 30.000 persoas

O novo ciclo de concertos arrinca este venres no Peirao de Transatlánticos cunha programación para todos os públicos e tres xornadas dedicadas á música viguesa e galega
montaxe-festival-son-e-mar-vigo
3 Sep 2026

Vigo prepárase para vivir seis xornadas de música coa estrea do Festival Son e Mar, que converterá o Peirao de Transatlánticos nun dos principais escenarios musicais da cidade durante este mes de setembro. O certame celebrarase os días 4, 5, 10, 11, 12 e 13 e a organización prevé reunir arredor de 30.000 persoas.

A maior parte das xornadas terán entrada gratuíta ata completar aforo, cunha programación que aposta pola diversidade de estilos e públicos. Ademais, o festival reservará un espazo destacado para a música de Vigo e Galicia, con tres días dedicados integramente a artistas e bandas locais e galegas.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou este xoves a montaxe do festival xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o director de Xestión Comercial da Autoridade Portuaria de Vigo, David Castro, e o promotor musical José Patiño. Sánchez animou á cidadanía a participar nun evento que, segundo destacou, permitirá gozar da música «nun espazo aberto ao mar e no corazón da cidade».

A representante provincial puxo en valor a colaboración entre as distintas institucións e profesionais implicados para converter o Peirao de Transatlánticos nun novo punto de encontro para a música en directo. Ana Ortiz, pola súa banda, destacou a «variedade» da programación e a presenza de grupos vigueses e galegos, ademais de agradecer á Autoridade Portuaria a cesión do recinto.

O festival arrincará este venres, 4 de setembro, con Nacidos para Bailar, unha noite dedicada aos grandes éxitos dos anos 90 e 2000 que contará con Safri Duo, Rebeca, Sonia Madoc e os DJ vigueses Rob e Fernando Collazo. O sábado 5 será a quenda de Aqueles Marabillosos 90, con Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez de La Unión e Tam Tam Go.

A programación retomarase o xoves 10 con El Campus, unha xornada especialmente dirixida ao público universitario. O venres 11 chegará Lingua Urbana, protagonizado por Hard GZ, un dos referentes da música galega actual e único concerto do festival con entrada de pago.

O sábado 12, A Movida Viguesa reunirá nomes fundamentais da historia musical da cidade, como Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompeii.

O peche chegará o domingo 13 con Orballo Cultural, unha xornada dedicada á música galega contemporánea e de raíz na que actuarán Budiño, De Ninghures, Ortiga e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

O promotor José Patiño sinalou que a previsión é alcanzar as 30.000 persoas durante as seis xornadas e definiu a proposta como «unha viaxe musical por todas as idades», cunha oferta pensada tanto para público novo como para quen mantén, nas súas palabras, «mocidade acumulada».

0.33676600456238