O Festival Son e Mar pecha o cartel de setembro con cinco xornadas temáticas gratuítas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes xunto a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; e o promotor musical Luis Diz na presentación do cartel completo do Festival Son e Mar, que converterá o porto de Vigo nun gran escenario musical entre o 4 e o 13 de setembro con seis xornadas temáticas, cinco delas de acceso gratuíto ata completar o aforo do Peirao de Transatlánticos.
Durante o acto, que contou coa actuación en directo de Xosé Manuel Budiño, a representante provincial na cidade olívica puxo en valor a ampla oferta musical deste ciclo. Así mesmo, subliñou a aposta das institucións por impulsar o talento local e por achegar á cidadanía propostas culturais variadas.
A vicepresidenta asegurou que a boa acollida dos concertos celebrados nas últimas semanas, en pleno centro de Vigo e a carón do mar, anima a seguir ampliando a programación no Peirao de Transatlánticos. “Estamos vendo que vigueses e visitantes están encantados cos concertos que se están celebrando co apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia”, sinalou. Do mesmo xeito, salientou a resposta dos propios artistas, “marabillados da contorna do espazo no que actúan”.
Tal e como anunciou Luisa Sánchez, o xoves 4 de setembro celebrarase Nacidos para Bailar, unha proposta pensada para revivir os grandes éxitos das pistas de baile dos anos 90 e 2000. O escenario reunirá a Safri Duo, Rebeca e Sonia Madoc, ademais dos DJ vigueses Rob e Fernando Collazo.
Ao día seguinte, o venres 5, chegará Aqueles Marabillosos 90, unha homenaxe á década que marcou o pop e o rock español, con Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez de La Unión e Tam Tam Go.
A vicepresidenta provincial lembrou que en maio xa se anunciaran as citas de Hard GZ (11 de setembro) -a única con entradas á venda- e á dedicada á Movida Viguesa (12 de setembro) con Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompeii.
“Queremos que miles de persoas volvan gozar da música no centro de Vigo e nun lugar aberto ao mar. Cando a música se atopa cunha contorna como esta, a experiencia transcende o concerto. Poucas localizacións poden ofrecer esta experiencia; queremos seguir poñendo en valor este privilexio”, incidiu.
O Campus e Orballo Cultural
Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, deu a coñecer a programación restante, que incorpora propostas para públicos moi diversos e combina artistas históricos con novos referentes da escena actual.
A xornada do 13 de setembro estará dirixida ao público xuvenil, baixo o nome de O Campus. O evento contará coa presenza de LG1DO e Barce, dous DJ de enorme repercusión entre a mocidade, con millóns de seguidores nas redes sociais e unha grande presenza en festivais.
O peche ao Festival Son e Mar chegará o 14 de setembro da man de Orballo Cultural, un ciclo de música en galego encabezado por Xosé Manuel Budiño, quen estará acompañado no cartel por De Ninghures, Ortiga e Xabier Díez & Adufeiras de Salitre.
Ana Ortiz apuntou que este ciclo musical “ofrece unha variedade única no panorama musical da cidade, posto que abarca moitísimos estilos e tendencias coa intención de que todo o público teña a opción de asistir a un evento en directo gratuíto coa súa música preferida”. “Son e Mar será o colofón cultural da música este verano en Vigo”, remachou.
Así, o Festival Son e Mar desenvolverase no Peirao de Transatlánticos coa seguinte programación:
- 4 de setembro | Nacidos para Bailar: Safri Duo, Rebeca, Sonia Madoc, DJ Rob e DJ Fernando Collazo.
- 5 de setembro | Aqueles Marabillosos 90: Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez de La Unión e Tam Tam Go!
- 10 de setembro | El Campus: LG1DO e Barce.
- 11 de setembro | Lingua Urbana: Hard GZ.
- 12 de setembro | A Movida Viguesa: Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompeii.
- 13 de setembro | Orballo Cultural: Budiño, The Ninghures, Ortiga e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.