O FIGA reforza a formación audiovisual con tres obradoiros especializados na Coruña

A cuarta edición do foro celebrarase en outubro e novembro na Universidade da Coruña, con sesións abertas ao público e talleres profesionais de prazas limitadas
Foro-da-Industria-Galega-do-Audiovisua-2026-coruña
13 Oct 2026

O Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) celebrará a súa cuarta edición cun programa centrado na formación práctica e na especialización profesional. Impulsado pola Academia Galega do Audiovisual, o encontro desenvolverase durante os meses de outubro e novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC), no campus de Elviña, e abordará tres ámbitos fundamentais para o percorrido dunha obra: a comunicación e promoción, o desenvolvemento de audiencias e a distribución.

A programación combinará aulas maxistrais gratuítas e abertas ao público con talleres dirixidos a profesionais do sector audiovisual. Estes últimos contarán con 20 prazas cada un e requirirán inscrición previa. O obxectivo é ofrecer ferramentas para mellorar a difusión dos proxectos, coñecer os seus públicos e definir estratexias para que as películas cheguen aos espectadores.

O primeiro bloque estará dedicado á comunicación e promoción e contará coa participación de Piti Alonso, especialista en relacións públicas, publicidade e comunicación audiovisual, cunha longa traxectoria na promoción de películas e na organización de prensa de festivais e grandes eventos cinematográficos. Alonso traballa na coordinación de medios e da alfombra vermella dos Premios Goya.

A súa participación comezará o venres 23 de outubro, cunha aula maxistral gratuíta e aberta ao público, de 17.00 a 18.00 horas. A sesión abordará as claves para deseñar unha estratexia de comunicación eficaz e achegar os proxectos audiovisuais aos seus destinatarios. O sábado 24, de 10.00 a 14.00 horas, desenvolverase o taller práctico destinado aos profesionais.

A segunda formación centrarase na análise e desenvolvemento de audiencias. Álvaro Vega, especialista en mercadotecnia, comunicación e públicos das industrias creativas, impartirá as sesións xunto coas profesoras da UDC Ana González-Neira e Natalia Quintas-Froufe, investigadoras neste ámbito. Vega participou na promoción de máis de 125 películas e traballou con cineastas como David Lynch, Gus Van Sant, Martin Scorsese, Sofia Coppola, Wong Kar-wai, Jane Campion e Carlos Saura.

Esta actividade terá lugar os días 30 e 31 de outubro e desenvolverase como unha microcredencial universitaria en colaboración coa UDC. A formación permitirá afondar en ferramentas para identificar os públicos dos proxectos audiovisuais e establecer estratexias que favorezan a súa conexión cos espectadores. A inscrición realizarase directamente a través da plataforma universitaria.

O terceiro eixe abordará a distribución e estará impartido por Lara P. Camiña, distribuidora, produtora, cofundadora de Bteam Pictures e presidenta de ADICINE, a asociación de distribuidores independentes cinematográficos. Na súa traxectoria figuran películas como La novia, Una mujer fantástica, Otra ronda, Sirât, Los domingos, Cinco lobitos e 20.000 especies de abejas.

A proposta permitirá coñecer diferentes modelos de distribución e as decisións que inflúen na circulación dunha película e na súa chegada ao público. O venres 13 de novembro, de 17.00 a 18.00 horas, celebrarase unha aula maxistral gratuíta e aberta ao público. O taller profesional terá lugar o sábado 14 de novembro e contará con 20 prazas.

O foro está promovido pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña e da área de Cultura da Deputación da Coruña, e coa colaboración da Universidade da Coruña. A iniciativa consolídase así como un espazo de encontro e capacitación para o sector audiovisual galego.

0.45309686660767