O filme-concerto de ‘Taxi Driver’ abrirá o festival internacional Xociviga no Carballiño

O Auditorio Municipal Manuel María acollerá o mércores 25 de novembro, ás 20.30 horas, a gran apertura do festival de curtametraxes, que este ano prescindirá do domingo ao coincidir coas eleccións estatais
Xociviga Taxi Driver Carballiño
23 Nov 2026

O Auditorio Municipal Manuel María será, do mércores 25 ao sábado 28 de novembro, o escenario da segunda edición do Festival Internacional Xociviga desde que renovase o seu formato, un certame que este ano chega cunha novidade destacada: a súa apertura non correrá a cargo de curtametraxes, senón dun gran espectáculo audiovisual.

Concretamente, o mércores 25, ás 20.30 horas, o público poderá gozar dun filme-concerto de ‘Taxi Driver’, o clásico de Martin Scorsese que cumpre 50 anos en 2026. A proxección contará con acompañamento musical en directo a cargo dun cuarteto de jazz creado expresamente para a ocasión: Sander Ulloa ao saxofón, Abraham Santiago ao piano, Luis Vivas á batería e Loren Tabarés ao contrabaixo.

As entradas para esta sesión especial, que saíron á venda o pasado 23 de outubro, teñen un prezo de 10 euros e poden reservarse a través da web do festival. Quen prefira mercalas en persoa tamén poderá facelo o mesmo día na billeteira do auditorio, dúas horas antes de que arranque a proxección.

A idea de fusionar cine e música en directo levaba tempo rondando na cabeza de Mario Filloy, quen dirixe Xociviga xunto ao seu irmán Daniel Filloy, e o 50 aniversario de ‘Taxi Driver’ resultou a ocasión perfecta para poñela en marcha.

Respecto ao resto da programación, aínda por desvelar, o festival presenta este ano unha novidade importante: por primeira vez non haberá actividades en domingo. A razón é que esa xornada, o 29 de novembro, coincide coas eleccións estatais, o que obrigou a recortar un día a duración do certame. A pesar deste axuste, mantéñense as actividades formativas que Xociviga organiza habitualmente cos centros educativos do municipio.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, fixo un chamamento á cidadanía para que se anime a participar tanto na sesión de apertura como no resto das proxeccións, resaltando o nivel de calidade que, segundo as súas palabras, caracteriza a programación do festival. O edil tamén quixo poñer en valor a boa evolución que tivo o certame en canto a participación, tanto de cineastas como de espectadores, e trasladou o recoñecemento do Concello á labor que veñen desenvolvendo os irmáns Filloy á fronte da organización.

O festival segue adiante grazas ao respaldo do Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e distintas empresas colaboradoras.

2.0772359371185