O Galicia Fest abre esta fin de semana a tempada dos grandes concertos do verán en Vigo

O peirao de Trasatlánticos de Vigo converterase hoxe e mañá no epicentro musical da cidade coa celebración do Galicia Fest, unha das primeiras grandes citas do verán, impulsada co apoio do Xacobeo. O festival contará cun cartel encabezado por La Reina del Flow, a formación colombiana nacida da exitosa serie homónima de Netflix, que se consolidou como un fenómeno internacional e que atraerá a numerosos seguidores.
A programación complétase con actuacións de Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela, Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis, Marlena e Vera Fauna, conformando unha oferta musical variada para todos os públicos.
Na xornada previa ao inicio do festival, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou os traballos de montaxe das instalacións acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o director da División Comercial da Autoridade Portuaria de Vigo, David Castro; e o director do evento, Antonio Casal. Durante a visita destacouse a magnitude do escenario principal, cunha estrutura de máis de 18 metros de altura e 32 metros de ancho, dotada dunha infraestrutura técnica de alto nivel.
Luisa Sánchez sinalou que Vigo está a piques de vivir “un dos grandes fins de semana musicais do verán” e destacou tamén o impacto económico que xera a celebración deste tipo de eventos. Desde a pasada semana, arredor de 25 profesionais participaron diariamente nos traballos de montaxe, mentres que o festival dará emprego a preto de 300 persoas de maneira directa e indirecta.
A responsable provincial puxo ademais en valor a repercusión do Galicia Fest noutros sectores económicos, como o audiovisual, a seguridade, a hostalaría, o transporte ou a loxística, que se benefician da actividade xerada arredor do evento.
En canto ao impacto turístico, explicou que, segundo os datos da organización, aproximadamente o 20 % das persoas asistentes na pasada edición procedían de fóra de Vigo, unha cifra que este ano podería traducirse na chegada de máis de 1.200 visitantes á cidade atraídos pola programación musical.
Sánchez destacou que o Galicia Fest non só ofrece concertos e lecer, senón que tamén contribúe a reforzar a imaxe de Vigo como destino turístico e cultural de referencia.
Pola súa banda, Ana Ortiz subliñou o compromiso da Xunta coa promoción cultural na cidade e destacou a aposta por eventos que contribúen a dinamizar a oferta cultural galega. Neste sentido, lembrou outras citas consolidadas como Vigo Porté, Son e Mar, Wake Up, Underfest, MusicaV, Mar de Galicia ou Megaestrelas, iniciativas que, segundo indicou, fortalecen a identidade cultural do territorio e atraen cada ano a milleiros de persoas.
Horarios do festival
Venres, 26 de xuño
16:00 horas - Maryland
17:00 horas - Pablo Lesuit
18:00 horas - Sabela
19:15 horas - Coti
20:45 horas - Miriam Rodríguez
22:30 horas - La Reina del Flow (2 horas)
01:00 horas - José de Rico
Sábado 27 de xuño
15:30 horas - Vera Fauna
16:30 horas - Carla Lourdes
17:30 horas - Fredi Leis
19:00 horas - Marlena
20:40 horas - Taburete
22:30 horas - Lori Meyers
00:10 horas - Álvaro de Luna
01:30 horas - Juan Magán