O Galician Freaky Film Festival desvela o cartel e as películas da súa décima edición

Celebrarase do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo e proxectará tres grandes clásicos do cinema fantástico: The Fly, The Toxic Avenger e Big Trouble in Little China
festival-internacional-cine-freak
31 Jul 2026

O Galician Freaky Film Festival presentou diante do MARCO o cartel oficial e as primeiras novidades da súa décima edición, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo. O acto contou coa participación de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Luísa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Ana Laura Iglesias, concelleira de Igualdade e Comercio; Miriam Álvarez, subdirectora do festival; e Juan de Castro, director do certame.

Un dos momentos centrais da presentación foi o descubrimento do cartel desta décima edición, dedicado ao filme The Fly (La Mosca), e a participación especial de Toxie, a mascota do festival desta edición, un vingador tóxico moi vigués.

Durante o acto tamén se desvelou a programación da sección GFFF Tribute, creada para celebrar películas de culto que marcaron a historia do cinema fantástico e que continúan influíndo no imaxinario audiovisual contemporáneo. Nesta edición especial, o festival renderá homenaxe a tres títulos fundamentais dos anos oitenta: The Fly, de David Cronenberg; The Toxic Avenger, de Lloyd Kaufman e Michael Herz; e Big Trouble in Little China, de John Carpenter.

A inauguración do festival recuperará o espírito das antigas sesións dobres de cinema coa proxección de The Fly e The Toxic Avenger, dúas obras convertidas en referentes do xénero desde perspectivas moi diferentes. A primeira é considerada unha das grandes obras do body horror, a través da tráxica transformación do científico Seth Brundle. A segunda converteuse nun símbolo do cinema independente estadounidense grazas a combinar humor irreverente e estética gore.

Pola súa banda, Big Trouble in Little China será a película encargada de clausurar esta décima edición. O clásico de John Carpenter ten todos os ingredientes que emocionan ao público do GFFF: artes marciais, fantasía, acción e comedia. Será a despedida dunha edición que celebra unha década de amor polo cinema fantásticoen Vigo.

Programación expandida

A programación da décima edición medra tanto en duración como en contidos e irase desvelando nas próximas semanas coa presentación de novas actividades. Entre as citas xa confirmadas figura a segunda Zombie Walk, que terá lugar o 12 de setembro cun percorrido pola rúa do Príncipe e tentará superar os máis de 400 participantes da pasada edición. Regresará tamén o Pequefreak, a programación familiar que ocupará a primeira fin de semana do festival con curtametraxes, longametraxes e obradoiros tras o éxito de asistencia do pasado ano.

Ademais, a Praza Elíptica volverá acoller a Feira Freak, haberá concurso de banda deseñada, exposición e poxa benéfica de obras inspiradas en The Fly, presentacións de libros e proxectos en desenvolvemento, mentres que os encontros profesionais reforzaranse cunha ampliación das actividades dirixidas ao sector.

O Galician Freaky Film Festival afonda na esencia máis freaky do cine, celebrando a cultura audiovisual máis alternativa e de culto. O festival internacional de cine fantástico e freak de Vigo ofrece unha coidadísima selección de curtametraxes, traendo estreas absolutas en Galicia.

Ademais o festival é único no mundo por subtitular todas as curtametraxes estranxeiras en galego. A décima edición do festival celébrase do 17 ao 26 de setembro en Vigo.

O seu ambiente único fai que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para vivilo en primeira persoa. A recente incorporación á prestixiosa Federación Méliés, así como o respaldo de máis de 4.000 asistentes na súa última edición de 2025, consolidan ao GFFF como unha cita obrigatoria para os amantes do cine fantástico e alternativo en todo o mundo.

0.27910590171814