O Galician Freaky Film Festival pecha a décima edición con máis de 5.000 asistentes

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) pechou este sábado a súa décima edición despois de reunir máis de 5.000 persoas nas diferentes actividades do programa. Das persoas asistentes, arredor de 3.000 acudiron ás salas de cine para asistir ás proxeccións da Selección Oficial de Curtametraxes, á competición Panorama de longametraxes e ás distintas sesións especiais organizadas durante os dez días do festival.
A décima edición contou co programa máis amplo da historia do GFFF, ao incorporar novas seccións, actividades e colaboracións xunto ás propostas xa consolidadas do certame. Por primeira vez, o festival contou tamén con financiamento do ICAA, dependente do Ministerio de Cultura, ademais do apoio das institucións galegas.
A gala de clausura celebrouse nos cines Tamberlick da Praza Elíptica e serviu para dar a coñecer o palmarés desta edición, antes da proxección de ‘Big Trouble in Little China’.
Entre os premios concedidos polo xurado, o Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak foi para ‘Dieu est timide (God Is Shy)’, de Jocelyn Charles. O Premio Ben Dito ao mellor guión recoñeceu ‘The Sentry’, de Jake Wachtel, mentres que ‘Ante o avesío’, de Xaime Miranda Méndez, obtivo unha Mención Especial.
O Premio Ben Feito á mellor realización foi para ‘Leivalaul (Breadsong)’, de Katariina Aule, curtametraxe que tamén conseguiu o Méliès d’Argent á mellor curtametraxe europea. Pola súa banda, o Premio Neuronas Fritidas á curtametraxe máis turbia ou extrema recaeu en ‘Tele XXX’, de Johnny Massahi, con ‘¡Pika!’, de Alex Fischman Cárdenas, como Mención Especial.
Os premios decididos polo público recoñeceron ‘The Furious’, de Kenji Tanigaki, co Premio Panorama á longametraxe máis aplaudida. O Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis valorada foi para ‘Burbulha’, de Fernando Alle; o Premio Escarállome ao mellor filme curto de humor recaeu en ‘Antitermitas’, de Álex Rey, e o Premio Galician Freak á mellor curtametraxe galega foi para ‘Cara de Cona’, de Guillermo de Oliveira. O xurado tamén concedeu o Premio Arrepío á mellor curtametraxe de terror a ‘Grandma Is Thirsty’, de Kris Carr.
O palmarés completouse co Premio Luis Barboo á actuación secundaria máis sufrida, concedido a Brian Le por ‘The Furious’. Ademais, o festival recoñeceu a traxectoria de Lloyd Kaufman e Chris Walas cos Premios de Honra “Deus dos Freaks”.
No apartado Pequefreak, ‘Guerra de Formatos’, de Aiden Rodríguez Álvarez, gañou o Olimpo dos Pequefreaks á curtametraxe infantil máis aplaudida. O Gran Premio Pequefreak á curtametraxe infantil máis freak foi para ‘Ducks’, de AJ Jefferies, mentres que ‘Cardboard’, de J.P. Vine, recibiu unha Mención Especial.
A celebración do décimo aniversario permitiu ao festival ampliar a programación con novas propostas. Unha das principais incorporacións foi Panorama, a competición de longametraxes, na que participaron ‘The Furious’, ‘Gaua’, ‘Decorado’ e ‘Bagworm’.
O programa profesional tamén medrou coa creación de Freak Pitch & Freak Connection, unha iniciativa destinada a facilitar o encontro entre creadoras, creadores e profesionais do audiovisual. As mañás na Sala Apostrophe estiveron dedicadas a masterclasses, mesas de debate e encontros sobre emprendemento cultural, distribución e diferentes aspectos do sector audiovisual.
Outra das novidades foi a exposición ‘Carteis Fantásticos. 10 anos do GFFF en Vigo coa colección Jean-Loup Passek’, instalada na sede de Afundación e formada por unha selección de carteis europeos de cine fantástico procedentes do Museu de Cinema de Melgaço.
A décima edición reforzou tamén a dimensión internacional do GFFF, con máis de cen persoas convidadas e profesionais procedentes de diferentes puntos de España, Francia, Suíza e outros países.
Un dos principais nomes desta edición foi Lloyd Kaufman, creador de ‘The Toxic Avenger’ e cofundador de Troma Entertainment. O cineasta estadounidense participou na gala inaugural, presentou ‘The Toxic Avenger’, impartiu a masterclass ‘Cine, Troma, a vida e a baba verde’ e participou no encontro ‘Lloyd Meets Freaks’. A visita supuxo ademais a súa primeira viaxe a Galicia.
Nesta edición, o GFFF consolidou igualmente a súa condición de festival membro da Federación Internacional de Festivais Méliès. O certame contou cun representante no xurado internacional e concedeu o Méliès d’Argent, que distinguiu ‘Leivalaul (Breadsong)’, de Katariina Aule, como mellor curtametraxe europea.