O GFFF arranca a súa décima edición con Lloyd Kaufman, Pequefreak e unha ampla programación de cine fantástico

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) inicia este xoves, 17 de setembro, a súa décima edición, que se prolongará ata o día 26 na Praza Elíptica de Vigo. O festival internacional de cine fantástico e freak celebra unha década de actividade cunha programación que combina proxeccións, actividades para profesionais, propostas infantís, exposicións, feira e encontros con cineastas nacionais e internacionais.
Un dos grandes protagonistas desta edición será o cineasta estadounidense Lloyd Kaufman, cofundador de Troma Entertainment e creador de The Toxic Avenger, que visitará Galicia por primeira vez para participar no festival. Kaufman, con máis de catro décadas de traxectoria no cine independente, estará presente en distintas actividades e encontros co público.
A inauguración terá lugar este xoves, 17 de setembro, ás 19:00 horas nos Cines Tamberlick, cunha sesión dobre que comezará coa proxección de The Fly (1986), de David Cronenberg, e continuará con The Toxic Avenger (1984), de Michael Herz e Lloyd Kaufman. Esta última será presentada polo propio director.
A programación dedicada a Kaufman continuará o venres 18 ás 16:30 horas nos Cines Tamberlick cunha masterclass titulada Lloyd Kaufman: cine, Troma, a vida e a baba verde, na que repasará a súa traxectoria no cinema independente e a filosofía de Troma Entertainment. Esa mesma noite, ás 22:30 horas, terá lugar a Noite Troma, coa proxección de Poultrygeist: Night of the Chicken Dead (2006), unha comedia musical protagonizada por zombis. O sábado 19, ás 17:00 horas, o cineasta participará tamén en Lloyd Meets Freaks, un encontro cos seguidores para fotografías e sinaturas.

A programación profesional comezará o venres 18 ás 11:00 horas en Apo’strophe.arte coa mesa O futuro do hub audiovisual de Vigo, na que se abordarán os retos, oportunidades e perspectivas do sector audiovisual na cidade.
O festival desenvolverá ademais unha programación específica para o público infantil coa celebración do Pequefreak durante a fin de semana. A proposta reunirá 24 curtametraxes procedentes de 21 países, ademais de obradoiros de efectos especiais con maquillaxe e unha proxección especial de Dentro del laberinto. Os nenos e nenas poderán escoller as súas curtametraxes favoritas mediante un aplausómetro.
As actividades do Pequefreak comezarán o sábado 19 ás 10:30 horas cun obradoiro de efectos especiais, que xa ten as prazas esgotadas. Ás 12:30 horas será a quenda das curtametraxes Todos os Pequefreaks, vol. 1, mentres que ás 16:30 horas se proxectarán Pequefreaks +7, vol. 1. O domingo 20, ás 10:30 horas, terá lugar un novo obradoiro, tamén con todas as prazas cubertas. Ás 12:30 horas proxectaranse Todos os Pequefreaks, vol. 2 e ás 16:30 horas Pequefreaks +7, vol. 2. A xornada rematará ás 17:30 horas coa entrega de premios, a proxección de Dentro del laberinto e a charla Descubrindo os segredos do labirinto.
A competición oficial da décima edición tamén arrancará nesta primeira fin de semana con distintas sesións de curtametraxes. O venres 18, ás 18:30 horas, proxectarase Humor Freak, vol. 1, e ás 20:30 horas será a quenda de Que carallo é isto?!, vol. 1, ambas nos Cines Tamberlick. O sábado 19, ás 19:00 horas, terá lugar a sesión Co cu torcido.
A Selección Oficial reúne curtametraxes de diferentes países distribuídas en oito bloques e que optarán aos premios do xurado e do público.
O GFFF chega así á súa décima edición mantendo unha programación centrada no cine fantástico, alternativo e de culto, con especial atención ás propostas que se afastan dos circuítos máis convencionais. O festival destaca tamén por subtitular en galego todas as curtametraxes estranxeiras que proxecta.
A organización sinala que o festival experimentou un crecemento progresivo ao longo desta década e lembra que na edición de 2025 reuniu máis de 4.000 asistentes. A recente incorporación á Federación Méliès supón tamén un novo recoñecemento para unha cita que volverá converter Vigo durante dez días nun punto de encontro para os afeccionados ao cine fantástico e freak.