O GFFF busca os sabores máis freak de Vigo coa segunda edición de Tapas Fantásticas

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) abriu a convocatoria para a segunda edición do Roteiro de Tapas Fantásticas, unha proposta que une o cinema fantástico coa creatividade gastronómica dos bares e restaurantes de Vigo.
A iniciativa busca que os establecementos hostaleiros da cidade creen unha tapa orixinal inspirada nunha película de xénero fantástico, terror, ciencia ficción ou freak. O festival anima especialmente a experimentar con ingredientes e presentacións pouco habituais que permitan trasladar á gastronomía o espírito freak do certame.
A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o 1 de setembro. O GFFF dará a coñecer o 3 de setembro os dez establecementos seleccionados, que serán escollidos atendendo a criterios como a orixinalidade da proposta, o uso de produtos de proximidade e a promoción da gastronomía galega.
As tapas poderán degustarse entre o 10 e o 25 de setembro, cun prezo máximo de cinco euros, e cada establecemento poderá establecer os seus propios horarios. A tapa gañadora será escollida polo público e recibirá o recoñecemento como «Olimpo Gastronómico dos Freaks 2026 á Mellor Tapa Fantástica».
O establecemento vencedor recibirá 100 euros, un certificado conmemorativo e promoción posterior por parte do festival. Ademais, entre as persoas que degusten as tapas sortearanse unha cea para dúas persoas no local gañador e entradas para a clausura do GFFF, que terá lugar o 26 de setembro coa proxección de «Big Trouble in Little China».
A segunda edición do Roteiro de Tapas Fantásticas desenvolverase no marco da décima edición do Galician Freaky Film Festival, o Festival Internacional de Cine Freak e Fantástico de Vigo, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica da cidade.