O GFFF de Vigo presentou os traballos gañadores do concurso de cómic Vingadores Mutantes

'La venganza de Vigo', de Canis Major, gaña o primeiro premio do certame, que recibiu obras inspiradas en 'The Toxic Avenger' e ambientadas na cidade
festival-de-comic
24 Sep 2026

O Galician Freaky Film Festival deu a coñecer este mércores os traballos premiados no concurso de cómic Vingadores Mutantes, unha convocatoria que tomou como punto de partida The Toxic Avenger para propoñer ás persoas participantes a creación de historias orixinais ambientadas en Vigo e protagonizadas, cando menos, por un personaxe vingador ou vingadora mutante. O certame, que chega este ano á súa cuarta edición, buscaba combinar o humor negro e as transformacións corporais propias do universo de Troma coa identidade e a realidade da cidade.

A presentación dos traballos tivo lugar ás 17:00 horas na sala Apo’strophe.arte. Durante o acto anunciáronse o primeiro premio, os dous finalistas e os dous accésits desta edición. Os cómics poden verse nunha exposición na mesma sala e tamén están recollidos no fanzine Vingadores mutantes. Historias dun Vigo protexido por heroes e heroínas freaks, que pode conseguirse de balde no propio festival.

O primeiro premio foi para La venganza de Vigo, de Canis Major, protagonizado por un Sereo que cobra vida. O traballo gañador está dotado con 300 euros e cinco exemplares do fanzine editado polo festival.

Os dous traballos finalistas foron Vintox, de Fer Barciela, e Os vingadores do urbano, de Ireavr. Cada un deles recibe un premio de 150 euros e cinco exemplares da publicación. Os dous accésits recaeron en Muthato, de Daniel Pérez, e Mutante del Lagares, de Denis Carballás Riveiro, que recibirán un pack de agasallos do festival e tres exemplares do fanzine.

Ademais dos cinco traballos premiados, a selección inclúe El vigilante radiactivo, de Mario Fraga; A reconquista submarina de Gill Girl, de Rubi Giráldez e Manu Simón; El vengador eléctrico, de Ángela Curro; A memoria das árbores, de Pablo Vázquez; O home bivalvo, de Gerard G.C.; Gentrificación, de Redhead Shelley; Familia numerosa, de Mr. Manu, e Uranio para Navidad, de Pitin.

O xurado estivo formado pola ilustradora Julia Lago, o historiador da arte e crítico de cómic Asier Mensuro e o ilustrador Aarón Moucho, vinculados respectivamente aos ámbitos da ilustración editorial, a divulgación da banda deseñada e a autoedición.

A programación continuará ata o sábado 26 con novas proxeccións de curtametraxes e longametraxes.

As mañás estarán dedicadas aos encontros entre profesionais e público, con charlas e presentacións arredor do sector cultural e creativo, distribución audiovisual, un encontro de festivais de cine fantástico e o novo Freak Pitch & Freak Connection. As tardes estarán centradas nas proxeccións, con novos bloques da Selección Oficial, longametraxes da competición Panorama e diferentes sesións especiais.

O programa dos últimos días inclúe tamén a IV Feira Fantástica e Freak de Galicia, a Sesión Onanista, a entrega dos premios do concurso de cómics e unha poxa benéfica das obras inspiradas en The Fly, que xa están expostas nas paredes de Apo’strophe.arte.

O festival rematará o sábado 26 de setembro coa entrega de premios e clausura, que incluirá a proxección de Big Trouble in Little China, de John Carpenter.

0.33550786972046