O GFFF incorpora as longametraxes á súa programación coa nova sección Panorama

O Galician Freaky Film Festival (GFFF) prepara a súa décima edición cunha das principais novidades da súa programación: GFFF Panorama, unha nova sección dedicada ás longametraxes internacionais de cine fantástico que tiveron unha presenza limitada no circuíto comercial a pesar do seu percorrido e recoñecemento en festivais.
O certame, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Praza Elíptica de Vigo, dá así un novo paso despois de consolidar a súa sección oficial de curtametraxes no ámbito internacional. A intención é incorporar agora longametraxes á competición do festival.
Por agora, a organización avanzou tres dos seis títulos que formarán parte de GFFF Panorama: “The Furious”, de Kenji Tanigaki; “Gaua”, de Paul Urkijo Alijo, e “Decorado”, do galego Alberto Vázquez. As tres películas presentan propostas diferentes e contan con participación ou recoñecementos en festivais e premios de relevancia internacional.
“The Furious”, producida en Hong Kong en 2025 e dirixida por Kenji Tanigaki, combina acción e artes marciais e está protagonizada por Xie Miao, Joe Taslim e Yayan Ruhian. A película conta a historia dun pai que se enfronta a unha rede de tráfico de menores coa intención de recuperar a súa filla.
A cinta recibiu o Premio Especial do Xurado no Festival de Sitges e tamén formou parte da programación de festivais como Toronto, Busan e Beyond Fest.
A segunda proposta é “Gaua”, filme de terror de 2025 dirixido polo vasco Paul Urkijo Alijo. A historia sitúase nas montañas vascas do século XVII, durante a época da caza de bruxas, e está protagonizada por Yune Nogueiras, Elena Irureta e Ane Gabarain.
A longametraxe parte do imaxinario, a mitoloxía e os contos tradicionais e pasou polo Festival de Sitges e pola Semana de Cine Fantástico y de Terror. Ademais, foi seleccionada nos Premios Goya de 2026.
A primeira selección de GFFF Panorama complétase con “Decorado”, unha produción de España e Portugal de 2025 dirixida polo galego Alberto Vázquez. A película de animación ten como protagonista a Arnold, un rato de mediana idade que comeza a cuestionarse se a realidade na que vive é auténtica, nunha premisa que lembra a “The Truman Show”.
“Decorado” chega ao festival tras conseguir o Goya á Mellor Película de Animación, o Premio Paul Grimault no Festival de Annecy e o galardón á Mellor Longametraxe de Animación nos Premios Forqué. A película tamén foi seleccionada no Festival de Sitges.
O GFFF ten tamén á venda os Abonos VIF (Very Important Freak), que permiten acceder ás 11 sesións de curtametraxes e ás 11 longametraxes programadas, ademais de ofrecer acceso preferente ás salas.
Ata o momento, a organización anunciou tres películas da sección GFFF Tribute, “The Fly”, “The Toxic Avenger” e “Big Trouble in Little China”, ás que se suman as tres longametraxes xa presentadas de GFFF Panorama.
O abono inclúe tamén acceso ao GFFF Online, unha chapa identificativa exclusiva, o catálogo do festival e un desconto de 3 euros na camiseta da presente edición. O prezo é de 70 euros e a adquisición pode realizarse a través da web do festival.
A organización sinala ademais que a compra do VIF contribúe directamente ao apoio do festival e á súa aposta polo cine fantástico e freak en Galicia.
A décima edición do Galician Freaky Film Festival afondará na súa aposta pola cultura audiovisual alternativa e de culto, cunha selección de curtametraxes que inclúe estreas absolutas en Galicia.
Entre as características que distinguen o certame está a subtitulación en galego de todas as curtametraxes estranxeiras, unha práctica que o festival presenta como única no mundo.
A edición deste ano terá lugar do 17 ao 26 de setembro en Vigo e chega despois de que o festival se incorporase á Federación Méliès e de reunir máis de 4.000 asistentes na súa edición de 2025. Estes datos, segundo a organización, consolidan o GFFF como unha cita para os seguidores do cine fantástico e alternativo.