O grupo socialista denuncia unha "agresión irresponsable" da Xunta ao non aprobar o Plan da Minería de Galicia

A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamoulle á Xunta que aprobe o Plan de Minería de Galicia que obriga a Lei de Minería de Galicia e que levan incumprindo 17 anos. Iglesias presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento -que será votada mañá mércores- para esixir planificación, transparencia, participación e seguridade no sector.
Iglesias advertiu que a falla de planificación por parte do goberno galego, que segue sen modelo mineiro para o país e xestiona o sector a golpe de improvisación tomando decisións “antes de diagnosticar, avaliar e restaurar”. Criticou unha xestión “profundamente irresponsable” que condena a “repetir os erros do pasado”, como demostra ao anunciar a reactivación de megaproxectos que xa foran rexeitados.
Alertou de que a conselleira de Industria segue sen explicar a súa resposta ao problema dos pasivos ambientais, como quere restaurar explotacións problemáticas e como pensa recuperar a confianza social perdida.
Neste sentido, sinalou de que “existe desconfianza lexítima porque hai antecedentes reais do fracaso e da incompetencia do goberno galego”. Lembrou os casos de San Finx e a contaminación da ría de Noia, o accidente de Minte Neme, ou as minas de Touro – O Pino, Corcoesto ou A Penouta, que “xeraron e xeran gran preocupación social con procedementos xudiciais abertos e problemas ambientais”.
A parlamentaria socialista reivindicou un modelo de minería sostible, compatible coa protección ambiental, coa actividade agrogandeira, pesqueira e forestal e coa saúde das persoas, que avalíe “proxecto a proxecto” e garanta “rigor” nas decisións e que poña como condición a restauración antes da explotación.
A proposta que presentou hoxe urxe á Xunta a aprobar o Plan de minería, garantir a participación cidadá temperá, auditar os pasivos ambientais, a restauración previa das explotacións abandonadas, esixir garantías financeiras e técnicas ás concesionarias e aplicar o principio de “quen contamina, paga”.