O IEO documenta novas anomalías de coloración en peixes da ría de Vigo

Un estudo científico identifica un linguado senegalés con pigmentación nas dúas caras do corpo e outros tres posibles casos de alteracións na cor observados en augas viguesas
anomalia-pigmentacion-pez-vigo
6 Nov 2026

Un equipo científico liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), no que participa a Universidade de Vigo, documentou novas anomalías de coloración en peixes mariños das costas españolas. Entre os achados destaca o dun linguado senegalés capturado na ría de Vigo que presentaba pigmentación en ambas as caras do corpo, unha alteración pouco habitual nos peixes planos.

A investigación, publicada na revista Marine Pollution Bulletin, recolle tres exemplares con anomalías pigmentarias localizados entre 2025 e 2026 en augas de Galicia e Andalucía. Ademais do linguado da ría de Vigo, o traballo identifica un sargo común capturado en xaneiro de 2026 na baía de Baiona, cunha alteración pigmentaria mixta, e un peixe sapo do golfo de Cádiz que presentaba unha perda de pigmentación compatible co albinismo oculocutáneo.

A identificación das tres especies confirmouse mediante técnicas de análise xenética. No caso do exemplar da ría viguesa, a anomalía consiste nunha ambicoloración case completa: a parte inferior do corpo, que normalmente presenta unha tonalidade esbrancuxada, estaba tamén pigmentada.

O equipo científico documentou, ademais, outros tres posibles casos de coloración inusual durante observacións submarinas realizadas en 2025 na ría de Vigo. Trátase de exemplares de sargos e maragotas (Labrus bergylta), cuxos patróns de cor poderían responder a anomalías pigmentarias, aínda que os investigadores non descartan que sexan variacións naturais ou cambios fisiolóxicos.

O caso da ría de Vigo impulsa unha revisión mundial

O achado do linguado senegalés levou o equipo a realizar unha revisión da literatura científica internacional sobre a ambicoloración en peixes planos silvestres, como linguados, rodaballos e platixas.

Este tipo de peixes presenta unha marcada asimetría corporal, cos dous ollos situados nun dos lados. A cara superior adoita ter unha coloración que lles permite camuflarse no fondo mariño, mentres que a inferior carece normalmente de pigmentación escura. A ambicoloración altera este patrón e provoca a aparición de manchas escuras ou pigmentación en toda a parte inferior.

Tras analizar un cento de publicacións científicas, os investigadores identificaron casos desta anomalía en 79 especies pertencentes a dez familias de peixes planos. Segundo o estudo, trátase da primeira revisión mundial deste fenómeno en poboacións silvestres e dunha referencia para futuras investigacións sobre os mecanismos que regulan a pigmentación.

Posibles pistas sobre a saúde dos ecosistemas mariños

A coloración dos peixes depende de mecanismos xenéticos, hormonais e fisiolóxicos que regulan o desenvolvemento e o funcionamento dos cromatóforos, as células responsables da pigmentación. As alteracións nestes procesos poden provocar fenómenos como o albinismo, o melanismo ou a ambicoloración.

Aínda que son pouco frecuentes nas poboacións naturais, diferentes estudos relacionaron estas anomalías con factores xenéticos, alteracións durante o desenvolvemento e determinadas condicións ambientais, como a exposición a contaminantes, os cambios de temperatura ou as deficiencias nutricionais.

Con todo, os investigadores advirten de que os exemplares recollidos neste traballo foron obtidos de maneira oportunista, polo que non é posible establecer unha relación directa entre as alteracións da súa pigmentación e o estado ambiental das zonas nas que apareceron.

«As anomalías da pigmentación son fenómenos raros nas poboacións naturais, pero a súa documentación sistemática pode mellorar o noso coñecemento sobre os procesos biolóxicos que regulan a coloración dos peixes e achegar novas ferramentas para a vixilancia ambiental», sinala Rafael Bañón, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e primeiro autor do estudo.

O equipo considera que serán necesarios programas de seguimento a longo prazo, con metodoloxías estandarizadas e información sobre as poboacións e as condicións ambientais, para coñecer a frecuencia real destas anomalías e determinar se poden empregarse como indicadores da saúde dos ecosistemas mariños.

A participación de Alejandro de Carlos contou co financiamento da Xunta de Galicia a través da axuda a Grupos de Referencia Competitiva (ED431C 2025/52). Pola súa banda, a campaña ARSA0326, incluída no proxecto PESCADIZ-II (PESCADIZ-II-20223FM049), recibiu financiamento parcial da Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), no marco do programa nacional de recollida de datos e asesoramento científico pesqueiro.

0.32821488380432