O investigador Hugo Bal García reconstrúe o clima en que viviron os últimos neandertais de Galicia

A investigación da USC na Cova Eirós de Triacastela conclúe que a zona mantivo condicións ambientais estables durante a Idade do Xeo, con temperaturas máis baixas ca as actuais pero abundantes precipitacións
investigación-Cova-Eirós-Triacastela
15 Jul 2026

Unha nova investigación desenvolvida no xacemento arqueolóxico de Cova Eirós, situado en Cancelo, no municipio de Triacastela, achega novos datos sobre o clima e o medio natural nos que viviron os derradeiros neandertais e os primeiros Homo sapiens de Galicia. O traballo identifica, ademais, as serras orientais galegas como unha área de refuxio climático que mantivo unhas condicións ambientais relativamente estables ao longo do tempo.

O estudo, liderado por Hugo Bal García, investigador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste – Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas e Culturais (CISPAC), analizou os niveis 3, 2 e 1 do xacemento, correspondentes a un período comprendido entre hai 41.000 e 17.000 anos.

Esta secuencia arqueolóxica abrangue tanto as últimas ocupacións dos neandertais, representadas no nivel 3, como distintas fases da presenza dos primeiros Homo sapiens no noroeste peninsular, localizadas nos niveis 2 e 1. Isto permitiu comparar a evolución do medio natural ao que tiveron que adaptarse ambas especies humanas.

A investigación baseouse na análise zooarqueolóxica de máis de 400 restos de animais pertencentes, cando menos, a 36 especies diferentes. A partir da súa identificación taxonómica e da aplicación de modelos paleoecolóxicos, os investigadores reconstruíron a vexetación existente na contorna da cova e estimaron as temperaturas e precipitacións de cada unha das fases estudadas.

Os resultados indican que Galicia presentaba naquela época un clima considerablemente máis frío que o actual, cun descenso de ata 3,6 graos na temperatura media anual. Con todo, o territorio conservaba un elevado nivel de precipitacións, superiores aos 1.000 milímetros anuais en todos os niveis analizados.

O estudo tamén conclúe que, ao longo da Idade do Xeo, o clima experimentou un progresivo aumento das temperaturas e das precipitacións, mantendo unha paisaxe formada por zonas arboradas combinadas con amplas pradarías húmidas. Estas características reforzan a hipótese de que as serras orientais galegas actuaron como un refuxio climático, ofrecendo condicións favorables para a supervivencia das comunidades de cazadores-recolectores durante miles de anos.

A investigación foi publicada na revista científica Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology e contou tamén coa participación de investigadores das universidades de Vigo, León, Oviedo e Rovira i Virgili, ademais do Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social (IPHES).

O artigo, titulado Palaeoecological dynamics during the Middle and Upper Palaeolithic in Northwest Iberia: The Cova Eirós archaeological site, forma parte do proxecto Dinámicas poblacionales y tecnológicas durante el Pleistoceno final-Holoceno de las Sierras Orientales del Noroeste ibérico 2, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Axencia Estatal de Investigación e os fondos FEDER da Unión Europea. Pola súa banda, as intervencións arqueolóxicas en Cova Eirós reciben financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

0.36616206169128