O Marisquiño 2026 coroa os seus gañadores tras catro días de competición en Vigo

Marisquiño 2026 puxo este domingo o punto final á súa XXVI edición despois de catro xornadas de competición en diferentes escenarios de Vigo. Samil acolleu as finais de World Cup Skateboarding, BMX, BMX Flatland, Breaking, Basket 3x3 e as modalidades adaptadas, mentres que o sábado o centro da cidade foi escenario do MTB Downtown.
Na World Cup Skateboarding, o portugués Pacal Teixeira proclamouse vencedor da categoría WCS Street Men, por diante do arxentino Matias Dell Olio e do neerlandés Tijmen Overbeek. Na categoría feminina, a vitoria foi para a catalá Valentina Krauel Bruna, acompañada no podio por Ivet Terol Méndez e a belga Pippa Mestdagh.
Danny León volveu impoñerse na WCS Miniramp, unha modalidade na que alcanza xa oito vitorias no Marisquiño. O segundo posto foi para o neerlandés Jason Lijnzaat e o terceiro para o xaponés Sota Tsuji. En Adaptive Skateboarding, o brasileiro Italo Romano logrou a primeira posición, seguido polos seus compatriotas Tony Alves e Vinicius Sardi.
O BMX Pro Park Men rematou coa vitoria do colombiano Juan Caicedo, mentres que o vigués Saúl Vilar, vixente campión de España de BMX Freestyle Park, foi segundo e o neerlandés Levi Weidmann terceiro. Caicedo tamén levou o premio ao Best Trick.
En Pro Street Men, Saúl Vilar subiu ao máis alto do podio, acompañado polo arxentino Gaspar Guendulain e o esloveno Matej Žan. O Best Trick desta modalidade foi para o británico Michael Wood-Elumogo.
A categoría feminina de BMX tivo como gañadora a francesa Lera Liubimova. Teresa Fernández-Miranda foi segunda e Matías López, terceira. Pola súa banda, o colombiano Julián Molina impúxose en Adaptive BMX, seguido polo español Juanje Trujillo e o arxentino Claudio Sandoval. O británico Dan Butler conseguiu o Best Trick.
En BMX Flatland, o neerlandés Sietse Van Berkel revalidou o título na categoría Pro. O xaponés Masato Ito rematou segundo e o tamén neerlandés Dez Maarsen, terceiro. En Amateur, a vitoria correspondeu á francesa Jeanne Seigneur, por diante do húngaro Peter Kadar e do español Iván Mijangos. Masato Ito recibiu ademais o premio ao Best Combo.
O público tamén tivo a última palabra no Freestyle Motocross. O galego José Mincha, vixente campión de España de Freestyle Motocross e líder provisional da Copa do Mundo, recibiu o Casco de Ouro como recoñecemento á mellor actuación das exhibicións de FMX.
En Basket 3x3, o conxunto canario Poema de Mar gañou o FIBA 3x3 Lite Quest masculino, por diante de Pando Mataró. Ademais do premio económico, o campión masculino obterá unha viaxe para disputar o Phoenix Challenger, nos Estados Unidos. Na competición feminina, o triunfo foi para 3G Valladolid 3x3, mentres que PBL Las Rozas rematou en segunda posición.
As competicións de Breaking concluíron con Vino Tino & Legace na primeira posición, seguidos por Zoo Gang. Found Kid Zoo Gang recibiu o recoñecemento ao Mellor B-boy, mentres que B-boy Teo Terminal 21 / Lunaticks foi distinguido como Nova Promesa.
O palmarés completouse coas probas do MTB Downtown, celebradas o sábado no centro de Vigo. O francés Adrien Loron revalidou o triunfo na categoría masculina, cunha vantaxe de 0,8 segundos sobre o galego Marco Veiga. Héctor Quinteiro completou o podio.
Na categoría feminina, a chilena Fernanda Gildemeister conseguiu a vitoria na súa estrea no Marisquiño, por diante da española Sara Yusto, gañadora da edición anterior, e de Alba Leira Rodríguez.
A XXVI edición do Marisquiño pechou así catro días de competición en Vigo con preto de 1.500 participantes procedentes de máis de 30 países, entre eles algúns dos principais referentes internacionais das disciplinas incluídas no festival.