O Marisquiño completa o seu cartel musical con máis de 40 artistas apostando pola cultura urbana

O festival Marisquiño completou a programación musical da súa XXVI edición cun cartel formado por máis de 40 artistas, configurando a proposta máis ampla e diversa da súa historia. A praia de Samil, en Vigo, acollerá do 7 ao 9 de agosto concertos, sesións de sound system, batallas de freestyle, competicións de turntablism e actuacións de electrónica underground.
Entre as novas incorporacións destacan VVV [Trippin’ You], Nusar3000, LG1DO, Rebeliom do Inframundo e High Paw, que se suman a nomes xa anunciados como L0rna, Fresquito e Mango, El Virtual e a final ibérica do DMC World DJ Championships.
A programación musical estrutúrase en tres grandes bloques. O primeiro está dedicado ás novas correntes urbanas, cunha mestura de rap, trap, pop e sons electrónicos. Nusar3000, un dos produtores máis destacados da escena estatal, e LG1DO, unha das revelacións da música urbana galega, figuran entre os principais reclamos. Tamén participarán os artistas galegos West Srk e CANDi.
O segundo bloque céntrase nas raíces da cultura urbana, desde o sound system ata a cultura DJ e MC. O dub e o reggae terán un protagonismo especial coa presenza de Chalart58 & Matah, así como de artistas e colectivos galegos como High Paw, Luv Messenger Sound, Píntega Sistema do Son e Nahno Selectah.
Nesta mesma liña, Rebeliom do Inframundo levará a Samil a súa proposta de rap hardcore en galego, mentres que as batallas de freestyle organizadas por Gallos del Norte e Poten100mos reunirán participantes de toda Galicia e incorporarán persoas con discapacidade ao programa.
A competición tamén terá un papel destacado coa celebración da final ibérica do Mundial DMC, que reunirá vinte dos mellores DJs de España e Portugal. O xurado estará integrado por referentes internacionais como Stereossauro, DJ Pimp e DJ ND, que ademais ofrecerán exhibicións e showcases.
A terceira liña da programación estará dedicada á electrónica underground e á cultura de club. VVV [Trippin’ You] encabezará este apartado cun espectáculo que combina synth-punk, dubstep e neo-bakala. Tamén actuarán as portuguesas NOIA e Klin Klop, ademais dos vigueses Nueva Apóstol e Pálida, representantes da escena electrónica alternativa da cidade.
Desde Santiago de Compostela participará tamén Frau Troffea, mentres que os sets de Weisheit b2b Tesa e Lkina b2b Natalie completarán unha oferta que aposta pola diversidade de estilos e xeracións.
O director do festival, Carlos Domínguez “Pity”, destacou que o obxectivo é converter Samil nun punto de encontro entre diferentes escenas da cultura urbana, combinando artistas consolidados, talento emerxente e unha forte presenza galega.
Marisquiño, considerado un dos principais festivais europeos de cultura urbana e deportes de acción, celebrará a súa XXVI edición do 6 ao 9 de agosto. O evento, de acceso gratuíto, combinará competicións deportivas, música en directo, arte urbana e actividades familiares, coa previsión de superar novamente os 150.000 asistentes.