O Marisquiño pecha a súa XXVI edición con máis público e maior proxección fóra de Galicia

O Marisquiño pechou o domingo a súa XXVI edición despois de catro xornadas de programación en Samil e no centro de Vigo cun balance positivo e diferentes indicadores que apuntan ao crecemento do festival. Os datos internos relacionados cos consumos no recinto reflicten un notable aumento da afluencia respecto de 2025 e unha maior permanencia do público en Samil durante os catro días.
A organización atribúe parte desta evolución á nova distribución do recinto, que incorporou espazos destinados á música e ao descanso, actividades participativas e unha oferta gastronómica máis ampla. As áreas de Big Air e Freestyle Motocross, situadas na zona norte de Samil, tamén rexistraron unha maior afluencia e consolidaron estas localizacións dentro do conxunto do festival.
Outro dos aspectos destacados desta edición foi o incremento da presenza de público familiar. Marisquiño Kids ampliou a súa programación ás catro xornadas, unha aposta que, segundo a organización, tivo unha resposta positiva e avala a continuidade desta liña dirixida especificamente ás familias.
No apartado deportivo, un dos eixes principais do festival, Marisquiño volveu reunir en Vigo deportistas internacionais de primeiro nivel xunto a destacados representantes nacionais e locais. As diferentes disciplinas mantiveron ademais o nivel de competición de edicións anteriores.
O festival tamén puxo de relevo o crecemento de modalidades como o Skate e o BMX adaptados, que espertaron interese entre o público e contribuíron a ampliar e diversificar a proposta deportiva.
Á programación deportiva sumouse este ano unha maior presenza da cultura e da música urbanas, con especial atención ao talento galego, unha proposta que tamén obtivo unha boa acollida entre os asistentes.
A organización destaca así mesmo o aumento da repercusión de Marisquiño fóra de Galicia, tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais, con presenza noutras zonas de España e a nivel internacional. Durante o festival constatouse tamén unha maior chegada de visitantes procedentes doutros territorios, especialmente de Portugal, Reino Unido e países nórdicos.
Deportistas, artistas, marcas e entidades participantes trasladaron igualmente unha valoración positiva sobre o desenvolvemento desta edición e sobre as características do recinto de Samil, integrado xunto ao mar e no contorno urbano de Vigo.
O fundador e director de Marisquiño, Carlos Domínguez “Pity”, considera que o festival aínda dispón de marxe para continuar medrando. “Marisquiño está nun momento no que aínda ten capacidade para medrar en moitos sentidos. Esta edición demostra que podemos seguir desenvolvendo a programación e aproveitando mellor as posibilidades que ofrece o recinto, pero queremos facelo de maneira progresiva, mantendo o nivel deportivo e coidando a experiencia do público”, sinala.
A XXVI edición rematou ademais sen incidencias salientables, segundo a organización, nun evento que durante catro días concentra competicións de deportes de acción e unha elevada afluencia de público.
Tras esta edición, Marisquiño encara os próximos anos con marxe para seguir desenvolvendo tanto os seus contidos deportivos e culturais como a experiencia dos asistentes en Samil.