O maxistrado Manuel Ángel Pereira Costas foi elixido presidente do Tribunal de Instancia de Vigo

O maxistrado Manuel Ángel Pereira Costas foi elixido hoxe polos seus compañeiros e compañeiras presidente do Tribunal de Instancia de Vigo. Entre as súas prioridades asegura que se atopa a consolidación da implantación do novo modelo organizativo de Tribunal de Instancia, tras a entrada en vigor da Lei Orgánica 1/2025, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.
Así mesmo, destaca a necesidade de realizar un seguimento constante da posta en funcionamento do Tribunal de Instancia para corrixir as disfuncións derivadas “dun cambio organizativo de gran envergadura”, á vez que asegura que a coordinación entre a xudicatura e o persoal responsable da Oficina Xudicial será “clave para culminar con éxito a adaptación ao novo modelo organizativo”.
Ademais, considera prioritario reforzar as prazas xudiciais, especialmente na xurisdición civil, “para facer fronte á elevada carga de traballo que soportan determinados órganos da cidade”.
O novo presidente do Tribunal de Instancia de Vigo advirte da necesidade de seguir mellorando as infraestruturas da Cidade da Xustiza, sobre todo a deficiente acústica da principal sala de vistas do edificio, e confía en que a chegada do novo sistema Atenea culmine a dixitalización da Xustiza.
Pereira accedeu á carreira xudicial en 2002 e o seu primeiro destino foi o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis, tras o cal, en 2005, tomou posesión do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lugo, onde permaneceu ata 2006, cando concursou ao Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo. En 2011, tomou posesión en Vigo como titular do Xulgado de Primeira Instancia número 4, na actualidade praza 4 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo, onde permanece na actualidade.