O metal suma dúas novas xornadas de folga na provincia da Coruña

CIG, CCOO e UGT amplían os paros aos días 26 e 27 de maio pola falta de avances na negociación do convenio
A CORUÑA folga metal
16 May 2026

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT acordaron ampliar a convocatoria de folga no sector do siderometal da provincia da Coruña ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo. Ao paro xa previsto para o 19 de maio sumaranse agora dúas novas xornadas de mobilización, os días 26 e 27 de maio.

A decisión chega despois da reunión da mesa negociadora celebrada este xoves, 14 de maio, na que, segundo denuncian os sindicatos, a patronal non incorporou ningunha das demandas formuladas pola representación das persoas traballadoras. As organizacións sindicais reclaman avances en materia salarial, redución de xornada, subrogación, regulación de pluses, control da subcontratación e mellora dos complementos nas baixas.

CIG, CCOO e UGT critican que a proposta empresarial pase por un convenio a cinco anos cun incremento salarial do 8%, unha suba que consideran insuficiente. Ademais, advirten de que a patronal pretende introducir recortes, como a eliminación da regulación da distribución irregular da xornada, actualmente limitada a 70 horas anuais, ou restricións no cobro do seguro colectivo en casos de accidente laboral con resultado de invalidez.

As centrais tamén apuntan á necesidade de revisar a redacción do convenio para evitar a xudicialización de determinados artigos, xa que consideran que a formulación actual facilita interpretacións diferentes e conflitos na súa aplicación.

O sector do siderometal emprega unhas 18.000 persoas na provincia da Coruña. Por iso, os sindicatos fan un chamamento a secundar de forma masiva os paros dos días 19, 26 e 27 de maio e a participar nas mobilizacións que se convoquen nesas xornadas para reclamar 'un convenio digno' e melloras nas condicións laborais, salariais e sociais.

0.27494192123413