O Milladoiro estrea un centro multifuncional para a mocidade, a cultura e a promoción do emprego

O Milladoiro conta desde este sábado cun novo espazo municipal destinado ao lecer, á cultura, á formación e á promoción económica. O Centro Multifuncional foi inaugurado coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e do alcalde de Ames, Blas García, e nace coa intención de converterse nun punto de encontro para a veciñanza.
O equipamento está especialmente orientado á mocidade e ás persoas que atopan maiores dificultades para incorporarse ao mercado laboral ou que se atopan en risco de exclusión social. O proxecto foi desenvolvido dentro da EDUSI Impulsa Ames e contou cunha importante achega de fondos europeos.
En concreto, o 80% do investimento foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), mentres que o 20% restante correspondeu ao Concello de Ames.
Durante a inauguración, Pedro Blanco definiu o centro como un exemplo da aposta por "facer dos nosos concellos mellores lugares para vivir" e destacou a súa capacidade para ofrecer á cidadanía novos servizos e oportunidades.
"É un novo espazo para a veciñanza, para atoparse, para aprender, para compartir, para desenvolver actividades e, en definitiva, para facer comunidade", sinalou o delegado.
Blanco reivindicou ademais a utilidade dos fondos europeos para transformar os municipios. "É unha boa demostración de para que serven os fondos europeos de desenvolvemento urbano cando se xestionan ben. Serven para isto: para crear servizos públicos; para recuperar e transformar espazos, e para crear lugares de encontro", afirmou.
O novo edificio dispón de 520 metros cadrados de superficie útil nunha parcela de 4.669 metros cadrados e foi deseñado seguindo criterios de eficiencia enerxética. No interior conta con espazos flexibles e polivalentes, entre eles unha sala duns 100 metros cadrados que poderá empregarse como unha única estancia ou dividirse en tres aulas en función das necesidades.
O proxecto complétase cunha praza cuberta, zonas verdes e diferentes espazos públicos exteriores, ampliando así as posibilidades para desenvolver actividades sociais, culturais e formativas.
O delegado do Goberno incidiu na importancia deste tipo de infraestruturas nun municipio como Ames, caracterizado polo crecemento da súa poboación e polo elevado peso da mocidade. Neste sentido, felicitou o Concello polo proxecto e cualificou Ames como un municipio "referente na prestación de servizos de dinamización social e culturais".
A apertura do centro chega ademais nun momento no que o municipio afronta novos investimentos con financiamento comunitario. Ames conseguiu recentemente máis de 6,5 millóns de euros procedentes dos fondos EDIL, que estarán destinados á posta en marcha de novos servizos e proxectos.
Blanco defendeu que a colaboración entre Europa, o Goberno de España e as administracións locais debe acabar traducíndose en actuacións concretas que repercutan directamente na calidade de vida da cidadanía.