O Museo de Pontevedra amosará por primeira vez as cascas do piñeiro no que foi fusilado Alexandre Bóveda

O Museo de Pontevedra acollerá este luns 17 de agosto un acto de especial significado para a memoria histórica galega coa mostra pública e depósito das cascas do piñeiro da Caeira fronte ao que foron fusilados Alexandre Bóveda e outras dez persoas.
A iniciativa está organizada polo Museo de Pontevedra coa Fundación Alexandre Bóveda e coa participación da Fundación Castelao. Os fragmentos da árbore foron recollidos e conservados durante décadas pola viúva de Bóveda, Amalia Álvarez, e permaneceron no ámbito privado como un obxecto vinculado á resistencia, á dignidade e á memoria.
Agora será a súa filla, Amalia Bóveda, quen realice o depósito dos restos no Museo de Pontevedra, nun acto no que estará acompañada polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.
As cascas proceden do piñeiro situado na Caeira fronte ao que foron fusilados Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico.
A singularidade da iniciativa estará tamén no lugar no que se realizará o depósito. Será a primeira ocasión na que estes restos históricos se mostren publicamente diante de “A derradeira leición do mestre”, o cadro de Castelao que actualmente se pode visitar no Museo de Pontevedra e que permanecerá exposto ata o 27 de setembro.
A obra foi creada por Castelao como homenaxe aos mártires galegos e está inspirada no fusilamento de Alexandre Bóveda. Co paso do tempo converteuse nun dos principais símbolos pictóricos da memoria histórica de Galicia.
A presenza conxunta do cadro e dos fragmentos reais da árbore permitirá establecer un vínculo entre a obra artística e o elemento físico relacionado directamente coa represión sufrida polos protagonistas dos feitos. Para a organización, a coincidencia destes dous elementos supón un diálogo entre a arte, a dor e a memoria viva, así como unha reivindicación dos valores democráticos e galeguistas.
A propia dimensión simbólica do acto enlaza coas palabras pronunciadas por Alexandre Bóveda antes da súa morte: “A miña morte servirá para acadar adeptos á causa galega. Un ben que aínda despois de morto, farei á nosa terra”.