O Parque Central de Galicia acollerá 'As mañás en Nugallás' cun programa estival de actividades familiares

O espazo situado en Antas de Ulla acollerá durante xullo e agosto obradoiros, música, teatro e propostas divulgativas para todas as idades
parque-central-de-Galicia-Antas-de-Ulla-con-xente
Actualizada el 14 julio 2026, 05:31 horas
2 Jul 2026

A Deputación de Lugo pon en marcha 'As mañás en Nugallás', un novo ciclo de actividades que converterá o Parque Central de Galicia, situado en Antas de Ulla, nun punto de referencia para o lecer familiar durante os meses de xullo e agosto.

Todos os sábados, desde as 10:00 horas, o recinto contará cunha programación que combinará obradoiros participativos relacionados coa natureza, a sustentabilidade e os oficios tradicionais con espectáculos de música, teatro e narración oral dirixidos a públicos de todas as idades.

Con esta iniciativa, a Deputación inicia a programación estival do Parque Central de Galicia, inaugurado o pasado domingo, dando un novo impulso á posta en valor deste espazo.

O obxectivo é consolidalo como un lugar de encontro para as familias, combinando natureza, ocio e actividades divulgativas que contribúan á dinamización do territorio ao longo de todo o ano.

Ao longo das próximas semanas desenvolveranse diferentes obradoiros centrados na biodiversidade, a conservación do medio natural e a recuperación de coñecementos tradicionais. Entre as actividades previstas figuran propostas como 'Bombas de vida', 'Xogando miudiño', 'Laboratorio Verde Ulloa', 'Xoguetes sonoros', 'Ei, Carballeira!', 'Iniciación ao coiro', 'Bechoconstrución' ou 'Rastro de pegadas de mamíferos'.

Os obradoiros comezarán ás 10:00 horas, mentres que os espectáculos desenvolveranse ás 12:30 horas. As persoas interesadas en participar nas actividades formativas poderán reservar praza a través do correo electrónico (cicloculturalnugallas@gmail.com ou cicloculturalnugallas@gmail.com) ou do teléfono 680 470 278.

A través desta programación, a Deputación aposta por un modelo de lecer ligado ao territorio que promove o coñecemento do patrimonio natural mediante actividades participativas e interxeracionais. O Parque Central de Galicia reforza así a súa vocación como espazo pensado para compartir en familia, descubrir a riqueza ambiental da provincia e dinamizar o centro xeográfico de Galicia cunha oferta aberta, gratuíta e de calidade.

PROGRAMACIÓN DO CICLO CULTURAL 'AS MAÑÁS EN NUGALLÁS'

O sábado 4 de xullo, ás 10.00 horas, celebrarase o obradoiro "Mundo Paxaro". A continuación, ás 12.30 horas, Brais das Hortas presentará o espectáculo "Consertasso na Horta".

O sábado 11 de xullo, ás 10.00 horas, desenvolverase o obradoiro "Bombas de Vida". Máis tarde, ás 12.30 horas, Iseo A Moura representará o espectáculo "Se as árbores falasen".

O sábado 18 de xullo, ás 10.00 horas, terá lugar o obradoiro "Xogando Miudiño". Ás 12.30 horas, Henriko ofrecerá o espectáculo "#TodoTrucazos".

O sábado 25 de xullo, ás 10.00 horas, realizarase o obradoiro "Laboratorio Verde Ulloa". Posteriormente, ás 12.30 horas, A Cova das Letras porá en escena "Chafallas, a vendedora de fume".

O sábado 1 de agosto, ás 10.00 horas, celebrarase o obradoiro "Xoguetes Sonoros". A partir das 12.30 horas, Assircópatas representará o espectáculo "Rogelio, un pallaso en recuperación".

O sábado 8 de agosto, ás 10.00 horas, desenvolverase o obradoiro "Ei, Carballeira!". Máis tarde, ás 12.30 horas, Marta Ortiz presentará o espectáculo "Coser e contar".

O sábado 15 de agosto, ás 10.00 horas, terá lugar o obradoiro "Iniciación ao coiro". Ás 12.30 horas, Fran Rei ofrecerá o espectáculo "Hamelin".

O sábado 22 de agosto, ás 10.00 horas, celebrarase o obradoiro "Bechoconstrución". A continuación, ás 12.30 horas, Dani García levará ao escenario o espectáculo "Don Gelati".

O sábado 29 de agosto, ás 10.00 horas, realizarase o obradoiro "Rastro de pegadas de mamíferos". Para pechar a programación, ás 12.30 horas, Natalia Outeiro "Pajarito" presentará o espectáculo "A vida tola".

actividades-no-Parque-Central-de-Galicia-en-Antas-de-Ulla
0.26804804801941